ACCIÓN CULTURAL

Santiago acollerá en marzo unhas xornadas sobre a creación contemporánea a partir de arquivos sonoros

24/02/2021 Durante catro días desenvolveranse en distintos puntos da cidade espectáculos ao vivo, encontros, unha charla, un obradoiro, unha escoita comentada e un paseo sonoro. As entradas para os concertos programados no Teatro Principal sairán á venda o día 22, en función dos aforos permitidos nese momento.

Entre o 24 e o 27 de marzo, Santiago vai acoller "O QUE NON SE ESCRIBE. ARQUIVOS SONOROS E CREACIÓN CONTEMPORÁNEA", unhas xornadas de aprendizaxe e experimentación sobre o noso patrimonio sonoro, unha posta en común dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica tan propia como global. Un proxecto único que pon no foco o proceso desde o máis antigo ao máis contemporáneo: o que fomos, o que somos e o que tendemos a ser como país musical. As xornadas están organizadas por Luneda Producións; e apoiadas pola Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, Turismo de Santiago, e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O programa arrancará o xoves 24 ás 18h no Consello da Cultura Galega, cunha escoita comentada por Xosé Ramón Pousa e Cristina Pujales arredor da Colección de Lousas do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG. Estas lousas representan os comezos da industria cultural na sociedade de masas e permitiron a conservación até os nosos días tanto das gravacións históricas galegas como das producións sonoras impulsadas pola emigración en América. As setecentas gravacións en pedra que o Arquivo Sonoro de Galicia ten reunidas até o momento, reflicten o noso patrimonio sonoro desde 1900 até finais da década dos 50.

A partir do mércores e ata o 4 de abril estará dispoñible un paseo sonoro, que vai guiar ás persoas participantes por diferentes puntos da cidade nos que se poderán atopar tesouros sonoros. Cada punto agochará un código QR para escanear e escoitar cos auriculares un anaco dunha recolla de música tradicional. Acompañando a cada QR, atoparemos a información do audio: a quen lle foi gravado, onde e cando foi gravado e por quen foi gravado. Tamén por quen foi feita a selección da peza, xa que para escoller eses cortes contouse coa colaboración de destacados profesionais da música tradicional.

O xoves 25 de marzo a programación comezará ás 18h no Museo do Pobo Galego cun encontro arredor do tema 'A Creación contemporánea a partir dos arquivos tradicionais’, que estará moderado polo músico Xacobe Martínez Antelo e contará coa intervención de Faia Díaz, Xosé Miguélez, Mercedes Peón e Tanxugueiras. E ás 20h, no Teatro Principal, representarase o espectáculo de danza e música "Sa Mateixa" de Joana Gomila, Lali Ayguadé, Magí Serra, Laia Vallès e Santi Careta. Sa Mateixa é unha peza que xurde da experimentación a partir das recollas que o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax fixo nos anos 50 nas Illas Baleares; e no que xunta con sensibilidade, poesía e humor, as tonadas e a electrónica, a polca e a xota, o campo e a cidade, o xogo e o ritual, a espontaneidade da vida e a presenza eterna dos devanceiros.

O venres 26 de marzo desenvolverase o encontro ‘Análise do mercado profesional para os proxectos de creación a partir das músicas tradicionais’. Será ás 18h no Museo do Pobo Galego coa participación de Jordi Fosas, da Fira Mediterrània de Manresa; Ramom Almuinha, de aCentral Folque; Julio Gómez, de Sinsalaudio; e Xavier Campos, responsable de Cultura da Deputación da Coruña. E ás 20h no Teatro Principal, FAIA presentará o seu novo espectáculo, no que a escena servirá de casa, de refuxio onde reflexionar sobre o poder da transmisión no ámbito do doméstico, na herdanza. Como unha constante no seu traballo, a muller volverá ser a protagonista, portadora dunha identidade rica, xenuína e diversa.

As xornadas rematarán o sábado 27 de marzo cun obradoiro sobre a ‘Recolla de Patrimonio Musical’ que impartirá Xulia Feixóo ás 11:30h no Museo do Pobo Galego e no que tamén se poderá participar online. Neste obradoiro de 3 horas, para o que non son precisos coñecementos específicos previos, Xulia fará unha introdución sobre a metodoloxía do traballo de campo, a documentación, as entrevistas, a gravación, a organización da información e a divulgación do traballo. Xulia Feixóo foi a primeira etnomusicóloga titulada de Galicia. Como investigadora, céntrase no estudo e divulgación das músicas de tradición oral. Dende setembro do 2019 forma parte da equipa de asesoras do Arquivo Sonoro de Galicia, do CCG. E pola tarde, ás 17h, o artista sonoro e visual catalán, Carlos Martorell, será o encargado de pechar a programación cunha charla sobre ‘Intelixencia Artifical e Música Tradicional’ que se poderá seguir Online. Martorell ven de presentar Acte de Fe xunto a Adrià Grandia e Marc Vilajuana, un proxecto fascinante no que analiza a relación humano-tecnoloxía a través dunha intelixencia artificial e os seus paralelismos coa relixión. Na charla falará dunha das ferramentas dixitais actuais máis potentes para a xeración automática e estudo musical, e farao a partir dese proceso de experimentación de Acte de Fe, que o levou a recompilar 4.000 partituras tradicionais de cancioneiros do s. XIX e XX para xerar un modelo preditivo que acompaña aos músicos do proxecto en tempo real.

Compartir: