ACCIÓN CULTURAL

Compostela homenaxea a Rosalía no 184 aniversario do seu nacemento

24/02/2021 Un 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. Para conmemorar o 184 aniversario dese nacemento celebrouse un ano máis o Día de Rosalía. No marco desta efeméride, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, asistiron á ofrenda floral organizada pola Fundación Rosalía de Castro na praza de Vigo, lugar onde naceu a poeta.

Na súa intervención, o alcalde de Santiago subliñou o extraordinario carácter da poeta: "foi unha muller extraordinaria no seu tempo", un tempo no que "non era habitual que unha muller escribise e ademais o fixese en galego". Salientou Sánchez Bugallo o "destacadísimo papel" que xogou non só en Galicia, senón tamén no conxunto de España e a nivel internacional. "Foi un refente en 1870 e sígueo sendo a día de hoxe", porque, como salientaron os presentes, "Rosalía segue máis viva que nunca".

No acto tamén participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xosé Manuel Rodríguez; o deputado de Cultura da Deputación de A Coruña, Xurxo Couto; e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

Compartir: