PLENO

O alcalde sinala no debate do estado do municipio como obxectivos prioritarios para o 2021 o apoio aos máis vulnerables, aos sectores máis afectados pola pandemia e a aposta pola reactivación económica

30/01/2021 Este sábado 30 de xaneiro tivo lugar o debate do estado do municipio, no que o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, fixo un repaso da xestión municipal ao longo do ano pasado e marcou os obxectivo para o 2021, entre os que destacou a atención aos máis vulnerables, aos sectores que se están vendo máis prexudicados pola pandemia, a aposta por medidas que permitan a reactivación social e económica, así como seguir avanzando na folla de ruta definida no acordo subscrito por todas as forzas políticas presentes na Corporación e polos representantes do Foro Cívico.

Nas previsións para 2021, o rexedor destacou que "continuaremos durante este ano prestando unha especial atención aos sectores máis vulnerables". Con ese obxectivo anunciou a creación do SEMUS, o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, en colaboración coa Cruz Vermella. "Este servizo, básico en calquera momento, pero máis nun contexto de crise sociosanitaria e dentro do Ano Santo, pretende ofrecer de xeito inmediato unha atención especializada a persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Será complementario da atención que xa prestan os Servizos Sociais municipais no horario no que estes non estean operativos e apoiaría o labor da Policía local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súa funcións se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez na resposta". Este servizo permanecerá activo os 365 días do ano as 24 horas do día: de forma presencial de 15 a 23 horas e de forma telemática o resto do tempo.

A reactivación económica será outro dos obxectivos prioritarios do Concello, que, ademais de convocar no mes de marzo/abril un novo plan de axudas por un importe inicial de 2,5 millóns de euros, porá en marcha "un servizo de acompañamento para axudar as empresas con interese en instalarse en Santiago tanto no referido á tramitación administrativa como á sinatura de convenios que aborde tamén a formación do persoal e o ámbito fiscal". A finalidade deste servizo é avanzar na industrialización da cidade, un dos compromisos asumidos por todas as forzas políticas e os axentes sociais representados no Foro Cívico que "se manterán como obxectivos prioritarios do mandato". Neste ámbito, o rexedor anunciou que na primeira quincena do mes de febreiro de 2021 se convocará un pleno extraordinario para aprobar as transferencias de crédito necesarias co fin de que o Concello adquira o 80% da Sociedade UNINOVA, "instrumento fundamental para avanzar no BIOPOLO e na política de industrialización".

Este documento, aprobado en pleno en xullo de 2019 e convertido en declaración institucional, recolle ademais a estación intermodal, as infraestruturas A54, Orbital e Orbitaliño, a EDAR, e a reforma e modernización da Administración Local como elementos fundamentais para a cidade. Sánchez Bugallo fixo un repaso da situación de todos eles.

Sobre a EDAR, anunciou que o vindeiro 5 de febreiro está prevista a sinatura do convenio para a súa construción e explotación, paso necesario para proceder a adxudicar o contrato a unha das catro ofertas preseleccionadas de entre as participantes no procedemento de diálogo competitivo. A previsión é que as obras comecen en 2022 e rematen no ano 2025, co obxectivo de que a EDAR comece a funcionar no ano 2026.

En relación coa intermodal, o rexedor sinalou que no mes de marzo se licitará o acondicionamento da rúa do Hórreo, "data na que esperamos ter recibida a estación de autobuses e a pasarela". Ao respecto da estación do AVE, unha vez aprobados os orzamentos xerais do Estado, a proposta debe ser trasladada a Europa para a súa inclusión no Fondo Europeo de Reconstrución e "traballamos para que se licite e se adxudique este mesmo ano, co obxectivo de que se remate no ano 2023".

A posta en marcha da intermodal, xunto co novo contrato de transporte e o PEMMUS (actualmente en proceso de adxudicación), "deben ser pezas fundamentais que nos permitan organizar a mobilidade dentro da cidade e entre a cidade e a súa contorna dun xeito máis eficiente, sustentable, saudable e axeitado ás necesidade da nosa cidadanía", puntualizou o alcalde.

En canto ás infraestruturas, lembrou Sánchez Bugallo que "o orbital atópase actualmente en obras, con previsión de remate no ano 2023; tamén en execución están os tramos que faltan da A54, con dotación orzamentaria do Estado nos anos 2021 e 2022, e previsión de remate dos traballos no ano 2023; e en canto ao orbitaliño, atopámonos en proceso de resolución das alegacións presentadas polo propio Concello. O noso obxectivo é conseguir o seu remate para o ano 2023".

No que respecta á modernización da administración, o rexedor refereriu a posta en marcha da administración electrónica o pasado 28 de outubro, "engadindo a sede electrónica, o rexistro electrónico, as notificacións electrónicas, o taboleiro electrónico e todos os servizos habilitantes, así como un xestor de expedientes electrónicos". Desde a posta en marcha mecanizáronse 510 expedientes, dos que 305 son a instancia de parte e foron publicados na sede electrónica.

Recoñeceu o alcalde que "é unha realidade que os servizos públicos de Santiago quedaron atrás, temos un problema administrativo de contratos vencidos pero, sobre todo, escasos e obsoletos para o Santiago de hoxe, e moito máis para a Compostela que ambicionamos ter, e somos conscientes de que necesitamos uns servizos de calidade para afrontar en condicións axeitadas os retos pendentes". Lembrou que "algúns procedementos de licitación xa están en marcha e outros moi avanzados; esperamos e traballamos arreo para conseguir neste ano, e se é posible neste primeiro semestre, licitar os novos concursos de limpeza, transportes, abastecemento de auga e saneamento".

Repaso á xestión de 2020
Sánchez Bugallo fixo un repaso á xestión municipal durante o ano 2020, marcado pola pandemia, que obrigou e "nos está obrigando a reestruturar a nosa orde de prioridades". Non obstante, sinalou, iso "non altera os obxectivos fundamentais que tiñamos marcados: debemos seguir traballando na igualdade efectiva entre todas e todos; avanzando na ampliación e diversificación das bases económicas desta cidade; seguir achegando innovación e emprendemento como alternativas de futuro; e poñendo en valor os enormes activos de Santiago: a Universidade, a súa historia e o seu patrimonio histórico; a cultura, como elemento diferencial da cidade e como un enorme capital de futuro; e a capacidade da cidadanía de desenvolver iniciativas propias".

Neste exercicio pasado, o Concello, deu "resposta ás necesidades e demandas perentorias, e fixémolo ao redor de catro eixes: apoio a quen máis o necesita; apoio aos sectores económicos máis gravemente afectados; mantemento dos servizos públicos, en circunstancias diametralmente distintas das que eran habituais e para as que estaban concibidos; e a reorganización do funcionamento da Administración Pública para seguir sendo operativa, priorizando o teletraballo onde era posible e reestruturando o funcionamento dos diferentes servizos municipais".

Lembrou Bugallo que todo o realizado non se podería ter levado a cabo sen os traballadores municipais e das contratas "que fixeron posible que tanto a institución como a cidade á que serven seguira funcionando ante estas circunstancias. Agradézolles de corazón a súa implicación profesional e persoal nestes momentos extraordinariamente complexos que nunca pensamos que chegaríamos a vivir". Tamén recoñeceu a "actitude colaborativa dos restantes grupos que integran a Corporación Municipal. Sei que a nosa veciñanza non esperaba menos de nós, pero á vista do que está a pasar noutros ámbitos, paréceme necesario salientalo e recoñecelo. Creo que somos un bo exemplo", engadiu.

Sánchez Bugallo, que comezou a súa intervención lembrando as persoas falecidas por mor desta pandemia, quixo manifestar a súa "absoluta confianza na capacidade de Santiago e na dos seus cidadáns e cidadás para superar esta crise. Neste sentido, o Ano Santo no que xa estamos, coa súa prolongación durante 2022 e os seguintes de 2027 e 2032, un período de tempo que, por certo, coincide coa perspectiva marcada pola Axenda 2030, vainos ofrecer un marco e unhas posibilidades extraordinarias que debemos ser quen de aproveitar".

Quendas de intervención
Antes do peche do pleno por parte do rexedor, a primeira intervención do alcalde someteuse a debate por parte dos grupos. Interviron, de menor a maior representación, os catro partidos presentes no Pleno. Falaron, respectivamente, Goretti Sanmartín, polo BNG; Marta Lois, por Compostela Aberta; Alejandro Sánchez-Brunete, polo PP; e Sindo Guinarte, polo PSOE. Estes mesmos voceiros municipais fixeron uso dunha segunda quenda, para finalmente pechar o alcalde o debate coa súa réplica.

Compartir: