PLENO

O Pleno aproba mocións conxuntas de respaldo ao sector das perruquerías e de solidariedade coa hostalería

28/01/2021 O Pleno da Corporación celebrou este xoves a súa sesión ordinaria na que, ademais de sumarse ás reclamacións do colectivo das perruquerías, barberías e centros de estética a respecto da rebaixa do IVE ao 10%, se aprobou por unanimidade unha moción conxunta en solidariedade coa hostalería do municipaio e outra para designar fillo adoptivo o fotoxornalista Emilio Lavandeira Prieto. Tamén se deu conta da aprobación definitiva da modificación da ordenanza que exime do pago da taxa de terrazas aos locais de hostalería para o ano 2021.

A través dunha moción conxunta de todos os grupos municipais, o Pleno acordou apoiar as reivindicacións da plataforma "Crer en nós", na que se integra o sector da imaxe persoal de Galicia, formado por salóns de peiteado, barberías e centros de estética. A principal é a baixada do IVE ao 10%, así como que sexan considerados actividade esencial.

Segundo salietna a moción, "este sector xa viña sufrindo unha difícil situación, pero coa chegada da COVID-19 pasou a estar nunha situación moi crítica. Tiveron que pechar durante tres meses por causa de forza maior e actualmente atópanse totalmente limitados polas medidas de seguridade establecidas, que non lles permite desenvolver a súa profesión con total dispoñibilidade, incluíndo a limitación do aforo".

Os datos revelan que "nos 9 meses de pandemia do ano 2020, en comparación co mesmo período do ano anterior, experimentaron unha caída da facturación nunha media dun 38,9%. Con todo, para o 67,8% do sector, a facturación dos primeiros 9 meses de 2020 caeu ata chegar o 50%. As previsións para o último trimestre de 2020 non son nada positivas xa que se esperaba que a facturación media descenderá un 38,83%".

"Trátase dun sector económico formado por máis de 150.000 traballadoras e traballadores en España, onde o 85% son mulleres autónomas. Xera uns 50.000 empregos indirectos", por todo o cal os grupos acordaron "instar ao Goberno de España a que devolva ao sector dos salóns de peiteado, barberías e centros de estética o IVE reducido do 10%, considerándoos actividade esencial", así como "notificar esta resolución ao Goberno de España".

En solidariedade coa hostalería
Tamén se aprobou por unanimidade unha moción conxunta de todos os grupos municipais que manifesta "a solidariedade do Concello de Santiago co sector da Hostalería e a comprensión ante as súas mobilizacións por causa da grave crise da Covid-19", e que insta "ao correspondente órgano do Goberno do Concello de Santiago e ás diversas administracións públicas a garantir a axilidade no pagamento das axudas ao sector e garantir, de maneira equitativa e conxunta ou coordenada, a viabilidade e sostibilidade dun plan de rescate a medio-longo prazo, ampliando medidas xa adoptadas que faciliten o mantemento da actividade do sector, e tomando en consideración para todo isto aos representantes hostaleiros da nosa cidade".

Salienta a moción que "cómpre dar unha estabilidade e un horizonte de futuro que inclúan medidas para rescatar economicamente a hospedaxe, o ocio nocturno, os profesionais do mundo da cultura que desenvolven o seu traballo en sinerxía coa hostalería. En definitiva, un sector amplo fundamental para a economía galega e compostelá, do que viven milleiros de familias de maneira directa e do que dependen ademais outras moitas empresas provedoras ou distribuidoras. Un rescate que permita salvar a pequenas e medianas empresas e, polo tanto, os miles de postos de traballo que dependen delas". Pide o texto "atopar fórmulas que permitan desenvolver a actividade e que trace a medio prazo unha estabilidade no conxunto do sector".

Precisamente nesta sesión deuse conta da elevación a aprobación definitiva da modificación da ordenanza 3.24, relativa á taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do dominio publico, o que significa que os locais de hostalería estarán exentos de tributar pola colocación de terrazas o vindeiro ano 2021, dando así cumprimento a unha das demandas do sector.

Grazas á aprobación desta medida, durante o vindeiro ano, non estarán suxeitas a taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial de dominio publico local as ocupacións de solo e subsolo contempladas na letra g) do artigo 2 da devandita ordenza, relativas á ocupación con mesas, cadeiras, tribunas, quioscos de hostalaría e outros elementos análogos con finalidade lucrativa.

Fillo adoptivo
Nesta sesión tamén se aprobou por unanimidade a moción conxunta para designar fillo adoptivo de Santiago o fotoxornalista Emilio Lavandeira Prieto. O texto salienta a súa fonda vinculación coa cidade e a a súa dedicación profesional, "concibida como un servizo á sociedade". Destácase de Lavandeira que levou "a fotografía polo camiño da verdade" e que reivindicou "o sentido ético do fotoxornalismo", valores que o fan merecente, segundo o Pleno, do galardón. A proposta será estudada pola Comisión de Condecoracións, a quen o Pleno insta tamén a organizar un acto público de recoñecemento.

Outros asuntos
Así mesmo, deuse luz verde por unanimidade á proposición do BNG para a elaboración do V Plan de Igualdade 2021-2024 e para incluír a perspectiva de xénero nos orzamentos municipais.

Compartir: