URBANISMO

O goberno municipal ten previsto levar ao pleno de febreiro o texto refundido da Modificación puntual do PE-1, adaptado ás últimas sentenzas xudiciais sobre as vivendas turísticas

27/01/2021 O goberno municipal ten previsto levar ao pleno ordinario do mes de febreiro o texto refundido da Modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial, introducindo os cambios motivados polas diferentes sentencias xudiciais relacionadas coas vivendas turísticas. A última delas é a sentenza 16/2021 de 19 de xaneiro ditada polo TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) e interposta por AVITURGA, a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia. O fallo anula o artigo 143 bis da citada modificación, publicada no BOP o 22 de novembro de 2018; que permitía a regularización das vivendas e aloxamentos turísticos anteriores á suspensión de usos.

O artigo 143 bis anulado, de "Actividades que resulten incompatibles coa nova regulación de usos establecida na modificación Puntual do PE-1 para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial", sinalaba que "os usos e actividades hosteleiras, de residencial comunitario e de aloxamento turístico (incluídas as vivendas turísticas e as vivendas de uso turístico) existentes con anterioridade á aprobación definitiva da citada Modificación, poderán manterse e desenvolverse con normalidade se dispoñen das autorizacións precisas e títulos habilitantes esixidos pola normativa aplicable, podendo autorizarse todas as actuacións que resulten precisas para adaptar a actividade á dita normativa, sempre que resulten compatibles co réxime de protección do inmoble. No seu defecto, poderán obter o título habilitante municipal de acordo coa normativa urbanística vixente na data en que acrediten a súa efectiva implantación, sempre que esta sexa anterior ao día 03 de decembro de 015. As actividades que tiveran solicitado o título habilitante municipal con anterioridade ao día 3 de decembro de 2015 poderán autorizarse de acordo coa normativa urbanística vixente no momento da súa solicitude".

Segundo a sentenza, o Concello de Santiago deberá pagar as costas do procedemento, pero dado o limitado da estimación, está previsto pedir aclaración.

Con data 15.11.2018 o Pleno Municipal aprobou definitivamente a Modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial, cuxa normativa consta publicada no Boletín Oficial da Provincia de data 22.11.2018.

Coas modificación introducidas suprímiuse a compatibilidade xeral dos usos hoteleiro e residencial comunitario nas citadas ordenanzas, coas excepcións expresamente permitidas; e declárouse a incompatibilidade da utilización da vivenda para a actividade turística, así como para calquera forma de aloxamento turístico ou temporal de curta estancia, entendendo por tal a de duración inferior a 30 días consecutivos. Ademais, engadíase un segundo apartado ao artigo 143, nomeado 143 bis, que regulaba as actividades existentes que deveñan incompatibles coa modificación.

Hai dúas sentencias anteriores, unha delas firme; que tamén anulan o 143 bis, pero a diferencia desta última, extenden esa anulación "a aquelas referencias contidas na mesma modificación puntual, no que concerne á prohibición de aloxamentos temporais no ámbito da cidade histórica". En concreto, o fallo en firme do TSXG indica que "existe xustificación" para levar a cabo a modificación do plan, e considera que está motivada e baseada en razóns de interese público. Pero anúlaa por infrinxir o procedemento legalmente establecido, que obrigaba a súa exposición pública antes da aprobación, porque, sinala, introducíronse "modificacións substanciais". Desde o Concello de Santiago de Compostela, toman coñecemento destas sentenzas, ás que se adaptará o texto refundido que se levará a pleno.

Regulación
A decisión do Concello de Santiago de limitar a proliferación e vivendas turísticas non é unha medida illada. É unha tendencia compartida a nivel europeo e nacional. A Resolución do Parlamento Europeo, de 21 de xaneiro de 2021, sobre o acceso a unha vivenda digna e alcanzable para todos, sinala que o crecemento expansivo do aluguer de vacacións a curto prazo está a retirar vivendas do mercado e propiciando un aumento dos prezos, e pode ter un impacto negativo na habitabilidade de centros urbanos e turísticos. Tamén lle lembra á Comisión e aos Estados membros que non regular o mercado inmobiliario e aos axentes financeiros que operan nese mercado a fin de garantir o acceso a unha vivenda alcanzable e adecuada para todos significaría o incumprimento das súas obrigacións en relación co dereito á vivenda.

Unha regulación, a do mercado de vivendas de aluguer por parte dos concellos, refrendada tamén polos tribunais. A Sección Quinta da Sala do Contencioso-Administrativo confirmou recentemente o acordo do Pleno do Concello de Bilbao, de 25 de xaneiro de 2018, polo que se aprobou a Modificación pormenorizada do Plan Xeral de Ordenación Urbana da devandita cidade no relativo á regulación do uso de aloxamento turístico. No fallo, o tribunal considera que a cualificación da vivenda de uso turístico (VUT) como equipamento, e non residencial, a esixencia dun informe urbanístico para operar, así como a limitación a un máximo de tres habitacións nas vivendas particulares para aluguer turístico non vulneran nin a Constitución, nin a Lei de Garantía da Unidade de Mercado nin a Lei sobre o Libre Acceso ás Actividades de Servizos e o seu Exercicio.

A Sala desestima así o recurso da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) que, en síntese, alegaba que a regulación municipal impugnada obstaculizaba a competencia efectiva no mercado, ocasionando un dano ao interese xeral, ao producir unha barreira económica na entrada e permanencia dos operadores e propietarios do mercado, limitando a súa capacidade de decisión para competir e ofrecer os seus produtos e servizos.

Compartir: