XUVENTUDE

Ábrese o prazo de inscrición no programa de cursos en liña do Centro Xove da Almáciga

26/01/2021 Hoxe ábrese o prazo de inscrición no programa de cursos en liña do Centro Xove, presentado esta mañá polo concelleiro de Mocidade, Rubén Prol. As dúas primeiras actividades formativas son "Laboratorio de guitarra 1" e "Iniciación á técnica vocal". Segundo explicou o concelleiro, a idea é ir incorporando novos cursos mes a mes, "co obxectivo de contar, a un ano vista, cunha formación en liña realmente ampla e variada sobre temas de interese".

Todos os cursos son gratuítos, duran sobre tres meses ampliables, e están dirixidos á mocidade de ata 30 anos. Rubén Prol explicou que o número de prazas ofertadas depende do cupo de demanda de asistencia que teña o docente do respectivo curso. Non se establece un límite, pero si que se pecharían as solicitudes en canto o profesor cubra as horas de asistencia contratadas.

O concelleiro destacou que son cursos abertos, de calidade, "moi vencellados á música e á formación cultural en xeral; e moi atractivos para a mocidade pola súa temática". Outra característica é que son accesibles a todas as persoas interesadas, ao emitirse en liña a través da plataforma do centro xove, a mesma na que se poden inscribir as persoas interesadas. Toda a xuventude inscrita en algunha das actividades formativas pode solicitar atención personalizada do docente. É dicir, é dixital, pero o equipo está ao outro lado, sustentando un proxecto didáctico solvente e transversal.

Rubén Prol aclarou que non son meramente cursos en liña. "É unha plataforma bidireccional, que permite aprender ao ritmo de cada persoa, dende a casa; en formato de vídeo, con materiais didácticos e coa posibilidade de reunión virtual co profesor. Nun futuro, cando haxa presencialidade, teremos un catálogo amplo que servirá para capacitar e formar ás persoas, proxectando esta formación cara a outros espazos da cidade. É algo non formal e lúdico, que aporta valor e que brinda a oportunidade de que a mocidade explore a cultura, para logo formarse", engadiu.

Os cursos están subvencionados pola Concellaría de Mocidade do concello de Santiago. As persoas interesadas poden obter máis información na páxina https://www.centroxove.com/cursos.

Plataforma Centro Xove
Sobre as vantaxes da plataforma, Rubén Prol destacou que o rexistro é 100% en liña e automatizado, aberto 365 días ó ano, 24 horas ó día. "Tan sinxelo como introducir o mail, confirmar, e listo". A maiores, o "usuario ou usuaria pode formarse ao seu ritmo, e solicitar o noso apoio en calquer momento. Os docentes están ao outro lado, así como o equipo do Centro Xove", continuou.

A plataforma é "mobile first", é dicir, pensada para móbiles. O obxectivo é que vaia mellorando e medrando, con opcións de webinarios (aulas en directo), streaming, profesores colaboradores (que veñan a ofrecer formacións puntuais), etc.

O concelleiro espera que esta plataforma e os cursos que ofrece "sexa de utilidade" para a mocidade. Unha plataforma que, engadiu, "ofrécelle a posiblidade de seguir traballando, formándose e desfrutando das actividades programadas" polo Centro Xove.

Compartir: