ANO SANTO

O Ano Santo Compostelán de 2021 prolongarase durante todo o 2022, segundo anunciou o Nuncio do Vaticano en España

31/12/2020 Ás cinco da tarde quedaba aberta a Porta Santa da Catedral, marcando a apertura do Ano Santo Compostelán, nunha cerimonia solemne na que estivo presente o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que actuou como Delegado Rexio, e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, entre outras autoridades. Ao remate, Bernardito Cleopas Auza, Nuncio Apostólico en España, anunciou que o Ano Santo 2021 prolongarase durante todo o 2022 por mor da pandemia de covid-19.

O lema deste xubileu é "Sae da túa terra. O Apóstolo espérate". Lembrouno Cleopas Auza ao ler a mensaxe do Papa Francisco, xusto antes da apertura da Porta Santa. Unha mensaxe na que, sinalou, "ao poñernos en camiño tras as pegadas do Apóstolo, saímos do noso propio eu, desas seguridades ás que nos aferramos, pero tendo clara a nosa meta". Como peregrinos, continuou, "acollemos en actitude de escoita e de búsqueda, emprendendo esta viaxe ao encontro con Deus, co outro e con nós mesmos". Cleopas Auza referiuse a "camiñar como un proceso de conversión, facéndonos próximo, como discípulos misioneiros". Unha travesía, engadiu referíndose aos peregrinos, "que empezaron sós, cargados de cousas que pensaban lles serían útiles, pero que acabarán coa mochila baleira e o corazón cheo de experiencias que se foron fraguando en contraste e sintonía coas vidas doutros irmáns e irmás nosos que proveñen de contextos existenciais e culturais diferentes". O Nuncio Apostólico en España rematou a súa intervención agradecendo os esforzos da Arquidiócese de Santiago, e de todos os que colaboraron na realización "deste Ano Xubilar".

Na homilía, xa durante a misa celebrada na Catedral, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, lembrou que este Ano Santo comeza "nunhas circunstancias especiais que temos que afrontar coa esperanza cristiá", que, continuou, "é audaz e sabe mirar máis alá da comodidade persoal das pequenas seguridades e compensacións que acurtan o horizonte para abrirse a grandes ideais que fan a vida máis digna". Julián Barrio rematou a homilía sinalando que "Santiago e Galicia han de ser un fogar dos peregrinos", e concretamente Compostela, unha cidade "de innumerables referencias para innumerables pobos".

Os actos comezaron sobre as catro da tarde, coa chegada do delegado rexio, Alberto Núñez Feijóo, que foi recibido, entre outras autoridades, por Yolanda Díaz, ministra de Traballo e Economía Social; por Miguel A. Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia; por Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia; por Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela, e por Juan Francisco Arrazola Martínez, xeneral xefe da Forza Loxística Operativa. Despois das honras militares e o saúdo á bandeira, a comitiva, na que tamén estaban presentes distintos membros da corporación compostelá, dirixiuse á Catedral de Santiago.

As primeiras autoridades incorporáronse á procesión litúrxica, que saíu pola praza de Praterías para dirixirse cara a praza da Quintana, onde lucía unha alfombra floral con motivos xacobeos, realizada pola Federación Galega de Alfombristas. Despois das intervencións de José Fernández Lago e de Julián Barrio, Bernardito Cleopas Auza leu a mensaxe do Papa Francisco.

Ao finalizar, o arcebispo de Santiago realizou o rito de apertura da Porta Santa golpeándoa tres veces cun martelo cerimonial. Nesta ocasión trátase dun martelo realizado en prata e madeira de aciñeira do ano 2016, doado por un matrimonio alemán o 25 de xullo de 2019. Este matrimonio está vinculado coa acollida ao peregrino en lingua alemá que se presta na Oficina do Peregrino.

Unha vez aberta a Porta Santa, a procesión percorreu o interior da Catedral, cara o altar maior, onde deu comezo a solemne misa estacional, que finalizou co funcionamento do Botafumeiro. Para a ocasión, o compositor galego Juan Durán, creou varias pezas musicais, que se estrearon durante a cerimonia.

Unha vez rematada a misa, o músico Carlos Núñez interpretou unha Salve acompañado polo órgano da Catedral; e a continuación, xa na Praza da Quintana, tocou para as persoas alí congregadas, a muiñeira de Chantada.

ANO SANTO
O Ano Santo ou Ano Xubilar Compostelán é un tempo no que a Igrexa concede singulares grazas espirituais aos fieis. É Ano Santo compostelán cando o 25 de xullo coincide en domingo. Ten a súa orixe en 1122, co Papa Calixto II, confirmado posteriormente polo Papa Alejandro III na Bula "Regis aeterni" de 1179, conferíndolle perpetuidade.

PORTA SANTA
É o acceso á Catedral desde a praza da Quintana. A súa apertura marca o inicio dos anos santos composteláns, e realízase no marco dunha celebración litúrxica na tarde do 31 de decembro que precede a cada Xubileu.

Esta porta sitúase na cabeceira da Catedral, entre as capelas do Salvador e de San Pedro, e permite o acceso directo á xirola e ao espazo sacro da capela maior, facilitando a visita tanto á cripta apostólica como ao camarín do Abrazo ao Apóstolo.

A Porta Santa que hoxe coñecemos data previsiblemente dos tempos do arcebispo Alonso Fonseca III, a comezos do século XVI. Para algúns estudiosos, a súa orixe remóntase ao século XII, vinculada a un acceso que facilitaba o paso aos monxes benedictinos de San Paio. Para outros, sería aberta no século XVI, incorporando o simbolismo da Porta Santa de Roma, cuxo ritual fora introducido polo Papa Alejandro VI en 1500.

No século XVII engadiuse o exterior barroco, obra de Jácome Fernández e González de Araújo, completándoa Pena de Toro e Domingo de Andrade. Decorouse no seu exterior con 24 esculturas procedentes do desaparecido coro pétreo do Mestre Mateo, e en 1694 culminouse con tres esculturas de Pedro do Campo: Santiago, como peregrino no centro, e os seus discípulos Atanasio e Teodoro.

En 2003 instaláronse as actuais follas da Porta, doada por empresarios e comerciantes da cidade. Trátase dunha obra do escultor compostelán Suso León. Realizada en bronce, os seus ferros inclúen relevos alusivos á vida do Apóstolo Santiago e á historia das peregrinacións.

Compartir: