MEDIO AMBIENTE

O Concello de Santiago de Compostela e a iniciativa Tropaverde lanzan un concurso de envoltorios realizados con materiais reciclados e reutilizables

29/12/2020 Segundo a Asociación española de fabricantes de pasta, papel e cartón, agárdase que durante os meses de Nadal se recollan en España 873.000 kilos de papel e cartón. Esta cifra representa un 20% da cantidade total recollida ao longo de todo o ano. Dada a elevada perda de recursos que supón esta xeración de residuos, o Concello de Santiago de Compostela, a través da iniciativa Tropaverde, vén de lanzar un concurso de envoltorios de agasallos realizados con materiais reutilizados, reutilizables e/ou biodegradables.

Con este concurso, o Concello busca seguir promovendo as boas prácticas medioambientais entre a súa cidadanía e reducir a cantidade de residuos xerados nestas datas.

Entre as persoas participantes seleccionaranse un total de tres gañadores, a cada un dos cales se lle fará entrega dun libro do xornalista Xosé Antonio Perozo e un lote de produtos Tropaverde, composto por: unha botella de vidro, unha bolsa de tea e unha bolsa de merenda.

Para participar no concurso, será preciso estar rexistrado na páxina web da Tropaverde de Santiago de Compostela, confeccionar un envoltorio con materiais reutilizados, reutilizables e/ou biodegradables (tales como xornais e revistas vellos, flores e follas secas, la ou fío, entre outros) e enviar unha fotografía do mesmo ao enderezo de correo electrónico info@tropaverde.org. Tamén serán admitidas no concurso aquelas fotografías que cada persoa comparta a través do Facebook, nomeando a TropaverdeSCQ, e as fotografías que se envíen por mensaxe privada á páxina de Facebook da TropaverdeSCQ. Toda a información sobre o concurso pode ser consultada na páxina web da Tropaverde de Santiago de Compostela.

O prazo de participación estará aberto ata o día 13 de xaneiro de 2021 ás 23:59 horas e as persoas gañadoras daranse a coñecer o 18 de xaneiro de 2021. O xurado responsable da elección dos tres envoltorios máis orixinais e con maior diversidade de materiais empregados estará composto polo xornalista Xosé Antonio Perozo, a creativa e deseñadora gráfica Paula Cantero, a técnica municipal Eva Ezcurra e unha persoa da empresa Teimas desenvolvemento, promotora da iniciativa Tropaverde.

Compartir: