ACCIÓN CULTURAL

A obra "Baleiro", de Gabriel Gómez Estévez, gañadora da terceira edición dos Premios SELIC de creación literaria

29/12/2020 A obra "Baleiro", de Gabriel Gómez Estévez, é a gañadora da terceira edición dos Premios SELIC de creación literaria, convocados polo Concello de Santiago. Os dous accesits foron para "O novelo", de Óscar Senra Gómez; e para "Partida salvada", de Fernando Epelde García. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, deu a coñecer o nome dos premiados, aos que felicitou; e destacou a singularidade deste galardón, que ten como obxectivo incrementar a presenza de Compostela na literatura escrita en galego.

Segundo informou Mercedes Rosón, a esta terceira edición dos Premios SELIC presentáronse 34 obras: 18 de poesía, 9 de narrativa, 6 de teatro e unha na modalidade de ensaio, incorporada este ano á convocatoria. Tamén neste 2020 se incrementou a contía do premio, con 6.000 euros para a obra gañadora, "Baleiro"; e 1.500 euros para cada un dos dous accésits concedidos.

De "Baleiro", o xurado salientou a orixinalidade. A obra de Gabriel Gómez Estévez propón un futuro distópico no que se debuxa un radical cambio de circunstancias políticas para Galicia e unha historia persoal. A proposta supón unha novidade argumental significativa no panorama da narrativa actual, na que a dimensión crítica e o tratamento irónico do cotián están moi presentes. A partir dunha mirada irónica do presente, "Baleiro", presentada baixo o pseudónimo de "Fada Rosa" convida a reflexionar sobre o futuro na vindeira centuria da cidade de Santiago.

"O novelo" destaca, segundo o xurado, polo retrato da cidade de Compostela elaborado desde diferentes perspectivas e personaxes diversos mediante o xénero policial. Unha narración, que o propio autor, presente na rolda de prensa, non define como novela, senón segundo o autor, Óscar Senra, como unha futura serie por capítulos. "Unha obra que ven a completar o universo das outras que publiquei, moi centrada no presente. Unha obra escrita durante o confinamento, moi áxil, moi rápida" que define "como me sentía no momento. Unha oportunidade de escribir o que necesitaba".

En "Partida salvada", presentada na modalidade de teatro, o xurado valorou a complexidade da peza, que combina historias xeracionais e historias persoais, ao tempo que propón unha reflexión sobre os usos da lingua. Fernando Epelde, que xa fora gañador da primeira edición dos premios SELIC, definiu a súa obra como "arriscada na forma, que acontece nun futuro moi próximo", escrita desde un punto de vista persoal "que fala dos usos da lingua, dunha lingua en desparición, que é a nosa", desde a perspectiva dun "neofalante", enamorado desa lingua para a posterioridade; e agradeceu que se valore a aposta polas "novas formas e as novas fórmulas teatrais".

Nesta edición o xurado estivo formado por Ana María Guerra Cañizo, María Xesús Nogueira Pereira, María Mercedes Queixas Zas, Arximiro Bautista Villar González e Camilo Franco Iglesias asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural, Xesús Amado, en calidade de secretario, con voz e sen voto.

Na edición anterior, a gañadora foi Lupe Gómez, co poemario Os caracois de Belvís. O libro acaba de editarse, e segundo anunciou Mercedes Rosón, está previsto presentalo a semana que ven.

Biografías dos premiados
Gabriel Gómez Estévez naceu en París en 1980, pero viveu a infancia mais a mocidade en Vigo. Cursou os estudos universitarios de filoloxía galega na USC e desde aquela non abandonou Santiago. Actualmente levo un negocio multidisciplinar enfocado na maternidade/paternidade, aínda que ten traballado como profesor, traductor, asesor lingüístico, libreiro e camareiro. Tamén é pai a tempo completo. Ten dúas obras publicadas, un relato longo, "Moçalomihi", gañador do Premio Xuventude crea 2005 da Xunta de Galicia; e unha novela "Matrioskas", (editorial Do Peirao.2018)

Óscar Senra é licenciado en Ciencias Sociais pola Universidade Aberta de Lisboa, e socio traballador de "MAOS innovación social", unha sociedade cooperativa compostelá centrada nos ámbitos da cultura, a comunicación e a etnografía. Dispón de dúas novelas publicadas, "Dixie em Wonderland" en 2018, e "Sete días com Elisa" (2020); as dúas de A traves editora. Tamén é coautor do libro "A derrota do Scórpio. Un paseo por Santiago con Ricardo Carvalho Calero" editado este ano polo Concello de Santiago.

Fernando Epelde é escritor e dramaturgo. No ano 2018 recibiu o Premio SELIC á obra dramática. Durante o ano 2019 Fernando traballou en tres ocasións, en diferentes roles, co Centro Dramático Nacional e gozou de procesos teatrais como a Residencia "A Gatas" en Madrid ou a presentación do espectáculo HVADT de Voadora Teatro no Teatro Abadia. No 2019 presentouse a súa primeira opera "A amnesia de Clío", realizada en colaboración co compositor Fernando Buíde e a directora escénica Marta Pazos.

Compartir: