EMPREGO

Os alumnos e alumnas do obradoiro de emprego CREAS II, que acondicionaron o monte Viso, reciben os seus diplomas

28/12/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, entregaron os diplomas ao alumnado do obradoiro de emprego dual CREAS II, co que se realizou unha intervención de mellora medioambiental para a rexeneración do Monte Viso.

Nesta actuación "absolutamente extraordinaria", en palabras do alcalde, acondicionáronse unhas 50 hectáreas de terreo, "das que algo máis da metade son privadas, outra parte achegada pola demarcación de carreteras, e outra é municipal procedente dunha mina expropiada no século XIX" e, engadiu, o Obradoiro "fíxose a través dun programa da Consellería de Emprego", polo que a colaboración entre as partes foi "fundamental" para a posta en marcha de proxecto.

A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, agradeceu tamen a implicación de todas as administracións e puxo en valor este tipo de obradoiros que "fomentan a formación e buscan xerar emprego de calidade".

Este obradoiro dá continuidade aos que permitiron recuperar as ribeiras do Sar e do Sarela e a conexión con San Lárazo. Sánchez Bugallo espera continuar con estes proxectos porque "estamos traballando no obxectivo de facer dúas grandes rutas perimetrais de Santiago", unha de 50 quilómetros e outra máis reducida de 15.

Actuación
A actuación consistiu na adecuación da zona para usos recreativos nun entorno comunal apto para a práctica de deportes ao aire libre e de observación da natureza. Así mesmo, procurouse a rexeneración da vexetación autóctona mediante a implantación de especies propias e a recuperación da cuberta arbórea co obxectivo de repoboar o monte e dotalo de diversidade vexetal.

Os traballos tamén permitiron mellorar a conectividade da senda peonil que percorre o monte Viso e remataron co acondicionamento dunha superficie para estacionar vehículos e dunha zona de lecer, previa á subida ao monte. Este espazo, recuperado para a veciñanza e os visitantes, sitúase ao leste da cidade, a carón da AP 9 ( P. K. 69, sentido decrecente) e fronte á Cidade da Cultura.

Coa intervención acondicionáronse 4.700 metros de sendas peonís, plantáronse 450 frondosas e 12.000 m2 de céspede, construíronse 300 metros de muro e procedeuse ao desbozado de 18 hectáreas de matorral, así como ao apeo de 350 eucaliptos e á retirada de 100 metros cúbicos de entullos.

Proxecto de obradoiro dual CREAS II
O programa de emprego-formación céntrase na aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional por parte de persoas desempregadas maiores de dezaoito anos. Consta dunha etapa formativa en alternancia coa práctica profesional, de 12 meses.

Este proxecto, que contou con 20 traballadores/as-alumnos/as e con catro persoas no equipo técnico (persoal docente e de xestión), tivo unha duración dun ano e rematou o pasado 5 de decembro.
O orzamento global ascendeu a 545.605,41 euros, dos cales a Conselleria de Economía, Emprego e Industria achegou 483.254,84 euros e o Concello, os 62.350,57 restantes.

Senda mitolóxica
Dende o pasado 18 de decembro o monte Viso suma un atractivo máis: unha senda mitolóxica que reúne unha mostra de dez seres míticos e lendarios de Galicia, deseñados e reproducidos a tamaño real polo creador artístico José Manuel Méndez.

Compartir: