ALCALDÍA

Primeira valoración do alcalde sobre o proxecto de orzamentos do estado, que "recollen os diferentes compromisos adquiridos con Santiago"

29/10/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, realizou unha primeira valoración do proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado. Recollen, sinalou, os diferentes compromisos adquiridos con Santiago de Compostela, aínda que, "ao mellor nos houbera gustado unha maior aportación".

Entre os compromisos recollidos, o rexedor citou os adquiridos co Consorcio de Santiago de Compostela, co orbital, a licitación do proxecto de obras do orbitaliño, e os relacionados coa EDAR da Silvouta, co Centro de Ciencias do Patrimonio e co aeroporto. Noutras actuacións, explica Sánchez Bugallo, "de interese para nós, cómpre salientar a aportación á autovía Santiago Lugo. Entendemos que se se mantén ese ritmo inversor permitirá que no ano 2022 estea rematada".

Sánchez Bugallo tamén enumerou actuacións non incluídas, en principio, no proxecto de orzamentos. Actuacións, di "de interés importante, aínda que ao mellor non se materializan no noso municipio", como "a conexión de mercadorías do ferrocarril galego coa rede europea de mercadorías", no marco do proxecto trnaseuropeo no que engade, "está previsto un eixo Coruña-Santiago-Vigo e Vigo-Ourense-Barco de Valdeorras e Monforte-León" . De momento, indica, "non vexo a financiación, ao mellor está noutro ámbito". Tamén bota en falta unha partida para a estación intermodal de ferrocarril, pero, aclara, "é xusto recordar que estaba previsto incorporala dentro dos proxecto de Fondos de Reconstrucción Europea". O alcalde espera que no trámite parlamentario se poidan "contemplar outras posiblidades e o incremento incluso das actuacións xa contempladas", con melloras como "unha aportación extraordinaria para o Ano Santo de 2021".

Compartir: