PLENO

O pleno aproba dúas declaracións institucionais para nomear fillo adoptivo ao profesor e escritor Manuel Quintáns e para recuperar os servizos ferroviarios suprimidos en Galicia

29/10/2020 Na sesión ordinaria do mes de outubro o pleno da corporación deu luz verde a dúas declaracións institucionais e a unha moción conxunta dos catro grupos municipais para reiterar o compromiso do Concello coa igualdade e coa loita contra as violencias de xénero.

Na primeira declaración institucional o pleno acordou levar á Comisión de Títulos, Honras e Condecoracións a petición de dedicarlle unha rúa a Manuel Quintáns Suárez, nomealo Fillo Adoptivo da cidade de Santiago de Compostela e organizar un evento cultural na súa memoria. Manuel Quintáns, falecido o pasado 21 de setembro, foi profesor de ensino secundario, entre outros, no I.E.S. Eduardo Pondal e no Colexio Manuel Peleteiro; presidente do xurado do certame de novela Manuel Lueiro, considerado un dos certames literarios máis importantes da comunidade galega; e como escritor, investigador e divulgador ten publicados numerosos ensaios e contributos ao coñecemento literario e cultural, cunha obra dedicada á recuperación da narración oral, á cultura popular, ao refraneiro galego, ao patrimonio cultural, á dramaturxia e aos contos tradicionais.

Fundou e coordinou as revistas Anduriña e Seitura, e creou a colección Vieiros de Galicia. Colaborou ademais como investigador no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Dirixiu moitos dos seus traballos literarios ao estudo da lingua galega, entre eles o Dicionario Conceptual Galego, publicado en 1977, ademais de ser tradutor de varias obras da literatura clásica ao galego, como as de Apuleio e Aristóteles. Outros dos seus títulos publicados son ‘Antoloxía de contos populares de Galicia’, ‘Anuario de Tradicións Galegas’, ‘O outro mundo na cultura popular galega’ e o ‘Cancioneiro de Celanova e outros cancioneiros’. Ademais da súa obra ensaística chegou a publicar unha novela, ‘Nerio. Repinique de silencios en vermello’, en 2008.

Sinala o pleno a súa vinculación a Santiago de Compostela e "á nosa lingua", a súa dedicación "ao ensino das compostelás e os composteláns" e a súa contribución "literaria, investigadora e divulgativa ao desenvolvemento cultural desta cidade, polo que merece estas distincións para ser lembrado polas xeracións presentes e futuras".

Recuperación dos servizos ferroviarios
Tamén empregando o vehículo da declaración institucional, o pleno manifestou a súa adhesión ao acordo unánime alcanzado no pleno do Parlamento de Galicia o pasado 21 de outubro no que se demanda ao Goberno central que: en primeiro lugar, restableza todos os servizos de tren que foron suprimidos "amparándose na pandemia"; que "incremente o cadro de persoal de maquinistas e dote do persoal necesario" aos servizos ferroviarios que se recollen na declaración "co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios"; e por último, a declaración reclama "un plan extraordinario de investimentos para a modernización e mellora rede ferroviaria galega que inclúa con carácter prioritario as seguintes liñas: Ourense-Lugo, Lugo-Coruña-Ferrol, Coruña-Ferrol, Ferrol-Ribadeo, Vigo-Ourense e Vigo-Porto".

Moción conxunta
Por acordo dos catro grupos políticos con representación no Concello, aprobouse unha moción na que se reitera o compromiso da institución coa igualdade e coa loita contra as violencias de xénero.

Por iso, a moción precisa que "O Concello de Santiago de Compostela manterá a loita contra as violencias de xénero como unha das máximas prioridades na axenda política local, ampliando os recursos municipais destinados a loitar contra as violencias machistas, desenvolvendo políticas de prevención e educación para a igualdade entre as veciñas e veciños de Santiago; actualizará os datos contidos no Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero, desde a Concellaría de Igualdade, para poder coñecer mellor a situación das mulleres compostelás, tanto dende o punto de vista socioeconómico como da situación de violencia de xénero; levará a cabo medidas dirixidas á protección, asistencia e información ás mulleres, adaptándoas á situación de vulnerabilidade provocada pola situación de pandemia da Covid-19; programará actos e actividades municipais de apoio institucional ao 25 de novembro, Día internacional contra as violencias machistas; apoiará e colaborará co movemento feminista de Compostela na organización e loxística dos actos do 25-N e sumarase ás actividades e mobilizacións que desenvolvan as organizacións feministas galegas contra a violencia machista este 25N; adoptará as medidas necesarias para que a Casa das Mulleres Xohana Torres poida ser usada por parte dos colectivos feministas para a organización das actividades do 25N; elaborará, en colaboración cos colectivos LGBTI, unha campaña de prevención da LGBTfobia dirixida aos ámbitos educativo e sociolaboral para contribuír a frear o acoso, discriminacións e violencias por razón de identidade de xénero; seguirá demandando a creación dun xulgado específico sobre violencia de xénero para o ámbito territorial de Santiago de Compostela; e reforzará o equipo de intervención psicolóxica, xurídica e social do Centro de Información ás Mulleres, conforme aos requitos establecidos na vixente lexislación.

Os grupos consideraron que "este ano 2020, a conmemoración do Día internacional para a eliminación das violencias contra as mulleres ten unha especial significación", pois as consecuencias socioeconómicas derivadas da crise da pandemia da covid-19, que afecta a millóns de persoas, "agravaron os efectos das desigualdades que atinxen particularmente ás mulleres, tanto dende o punto de vista da sobrecarga de traballo, a maior pobreza e a precariedade laboral, como do aumento do risco de sufrir violencias de xénero".

Convenio con Área Central
Por unanimidade aprobouse un crédito extraordinario por importe de 30.000 que permitirá financiar actividades de dinamización comercial a realizar en Área Central, entre elas: a animación de Reis Magos, o servizo de ludoteca "Ludoarte", a campaña de animación de Carnavais, a celebración da VI Feira de minerais, o servizo de empaquetado de agasallos para o Nadal ou a colocación dunha pista de patinaxe sobre xeo tamén no Nadal.

Tamén se aprobaron outros dous puntos de orde económico: unha modificación de crédito por un importe total de 18.029 euros, que permitirá á Policía Local adquirir un vehículo todoterreo; e un crédito extraordinario de 217.909,64 euros destinado á atención das obrigas pendentes de aplicar ao orzamento a 31/12/2019 (obrigas en situación de OPA).

Houbo unanimidade, así mesmo, á hora de aprobar unha subvención nominativa a favor da Federación Gallega de Kárate e disciplinas asociadas por importe de 3.500 euros, que se destinará a financiar os gastos pola organización do Campionato Galego sénior de kárate 2020. A adhesión do Concello á rede de destinos turísticos intelixentes, punto 6 da orde do día, tamén foi aprobado.

Proposicións
En canto ás proposicións, aprobáronse por unanimidade as relativas á creación do roteiro "Compostela, encontro dos camiños", presentada polo BNG, e dun rexistro de chamadas á Policía local que detalle as demandas cidadás e os impedimentos para a súa atención, do grupo municipal popular.

Compartir: