EDUCACIÓN

Os solicitantes de días fixos que non están facendo uso do comedor escolar deberán confirmar a súa praza antes do 8 de outubro

30/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez BugallO, e o concelleiro de Educación, Rubén Prol, reuníronse hoxe con responsables das ANPAS dos colexios públicos con comedor xestionado polo concello. Desde o goberno municipal pedíronlle ás familias daqueles usuarios que non están facendo uso do servizo, que confirmen a súa praza antes do 8 de outubro (inclusive) para poder saber cal é o número de prazas realmente dispoñibles e así poder atender outras solicitudes.

As familias deberán porse en contacto co coordinador do comedor do seu centro para concretar, confirmar e facer efectiva a súa solicitude. No caso de non ter confirmación decaerá o dereito de reserva de praza, sen prexuizo de que poida renovar a petición posteriormente, que se resolverá nos termos que proceda. No caso de que o número de confirmacións supere as prazas ofertadas, resolverase conforme ao Decreto de comedores do 9 de setembro. No caso contrario as prazas que queden libres estarán dispoñibles para os restantes solicitantes.

A día de hoxe o número de escolares que fan uso do comedor escolar nos nove centros xestionados polo concello é de 722, cifra prácticamente idéntica á de 2019; que se prevé que medre de forma significativa a partir do 1 de outubro; estabilizándose a mediados do próximo mes. Neste momento, todas as solicitudes de demanda de servizo de usuarios fixos ou fixos discontínuos (aqueles que en lugar da semana completa reservan 1,2,3 ou 4 días, pero sempre concretando os días da semana) están atendidas.

Actualmente, nos nove centros xestionados polo concello poderíase dispor en dobre quenda de ata 1.238 prazas; cifra superior á demanda coñecida. Non obstante, a distribución de prazas non é homoxénea; e resulta netamente superior a oferta á demanda en seis dos nove centros xestionados. Nos outros tres, Quiroga Palacios, Raiña Fabiola, e Monte dos Postes, quedarían dispoñibles (dependendo dos grupos burbulla e das distancias) un número aproximado de prazas, de 56, 25, e 30, respectivamente. Por este motivo, prégase ás familias solicitantes que aínda non fixeron uso do comedor, que confirmen a praza antes do 8 de outubro. A petición é extensiva, con carácter xeral, aos nove CEIPS xestionados polo concello.

En relación ás persoas que teñen solicitada praza de forma esporádica, iniciarase o procedemento de resolución a partir do 15 de outubro. A aceptación destas solicitudes estaría condicionada a que a Xunta de Galicia autorice a incorporación destes usuarios non fixos dentro do "Protocolo de prevención de transmisión da Covid-19 nos comedores dos centros educativos non universitarios". Unha vez estea clarificado permitirá establecer se é posible atender esas solicitudes en base aos protocolos covid19 e á capacidade espacial dos respectivos comedores.

Compartir: