TURISMO

O alcalde sinala que a selección por parte do Ministerio de Industria do "Plan de Sostibilidade Turística de Santiago" é unha boa noticia para a cidade e para Galicia

30/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosou hoxe a súa satisfacción pola seleccion, por parte da Secretaría de Estado de Turismo, do Plan de Sostibilidade Turística en destinos 2021/2023 elaborado pola concellaría de Turismo, que segundo informou o Ministerio de Industria a través dunha nota de prensa, contará cun investimento de tres millóns de euros. É, sinalou o rexedor,"unha boa noticia" para Compostela e unha "boa noticia para Galicia".

Un plan, que sinala Sánchez Bugallo, ía avalado "por un proxecto técnico moi sólido", e "co acordo da Xunta de Galicia e da Secretaría de Estado de Turismo". Compostela, asegurou o rexedor, "é a referencia turística de Galicia, e se logramos que remonte a peregrinaxe a Santiago" redundará nun beneficio económico para os máis de cen concellos da comunidade atravesados polas diferentes rutas xacobeas.

O plan presentado por Santiago ten, entre os seus obxectivos, a xestión dos fluxos turísticos da cidade, limitar certos usos que, ao excederse, resultan nocivos, e tratar de paliar os seus efectos negativos favorecendo unha desconxestión das zonas máis saturadas baseada na diversificación de usos, a activación do patrimonio oculto, e a promoción dunha oferta cultural variada e desconcentrada. O plan sería cofinanciado pollo Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Goberno Central, a partes iguais.

O "Plan de Sostibilidade Turística en destinos 2021/2023 de Santiago" foi presentado á prensa o pasado 10 de setembro polo concelleiro de Turismo. Sindo Guinarte sinalou que se trata dunha boa oportunidade para Santiago e para Galicia. Explicou os cinco eixos de actuación nos que se divide e referiuse á "oportunidade que é a implantación deste proxecto nos vindeiros 3 anos, como ferramenta de captación de fondos para poder impulsar un modelo turístico mais sostible, que xere novas dinámicas, novos produtos e novas oportunidades para o sector turístico de Santiago".

Compartir: