POLÍTICAS SOCIAIS

A AECC conta con nova sede en Santiago

29/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu á inauguración da nova sede da Asociación Española contra o Cancro (AECC), un baixo de 163 metros cadrados,situado na Avenida de Barcelona, preto do Complexo Hospitalario de Santiago. No acto tamén estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o presidente da asociación en Compostela, Francisco Pais; e a concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro.

O rexedor destacou o labor de entidades como a AECC, que cubren, sinalou, necesidades importantes de apoio ás familias e aos enfermos, ás que non chega o servizo público de saúde. Segundo explicou, é importante que a sociedade sexa partícipe desta axuda que prestan entidades como a AECC, que "cubre un espazo importante de servizos esenciais, e "aspectos imprescindibles para a recuperación do paciente". Un labor "impagable", indicou Sánchez Bugallo, quen se amosou "moi contento" de compartir "este momento con estas persoas que lle adican tanto esforzo, tanto cariño, a axudar aos demais".

A Asociación Española Contra o Cancro de Santiago conta con máis de mil afiliados e presta distintos servizos tanto a familias como a enfermos. Servizos de psicoloxía, servizo de logopeda, atención social, un servizo de perrucas, ou un servizo de acompañamento que están tramitando neste momento.

Fundada en 1953, a AECC ten como obxectivo principal diminuír o impacto causado polo cancro e mellorar a calidade de vida das persoas que padeceron ou padecen a enfermidade e das súas familias, prestándolle apoio e financiado proxectos de investigación que permitirán unha mellor diagnose e tratamento do cancro.

Compartir: