ALCALDÍA

Visita institucional da embaixadora de Romanía

29/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu a embaixadora de Romanía en España, Gabriela Dancau, que asinou no libro de Ouro da cidade. No texto, sinala sentirse "honrada" desta visita ao concello compostelán, e agradece a "hospitalidade que lle brindan" de "continuar estreitando" as "excelentes relacións de cooperación" entre Romanía e Galicia. O rexedor, que lle agradeceu a visita, interesouse pola situación do colectivo romanés no noso país.

Gabriela Dancau é licenciada na faculdade de Cibernética, Estatística e Informática Económica da Academia de Estudos Económicos de Bucarest, e conta, entre outros estudos, cun máster en Relacións Internacionais polo Centro de Estudo Diplomáticos e Estratéxicos de París. Foi nomeada embaixadora de Romanía en España en xuño de 2016. Anteriormente, ostentou, entre outros cargos, o de cónsul xeral no consulado de Romanía en Lión, e cónsul na embaixada romanesa en París.

Ademais do alcalde, na recepción estaban representados os distintos grupos da corporación municipal, coa asistencia dos concelleiros Mercedes Rosón, do PSdeG; Ramón Quiroga, do PP; Marta Lois, de Compostela Aberta; e Goretti Sanmartín, do BNG. Pola súa banda, Gabriela Dancau estivo acompañada de Marian Popescu, cónsul xeral de Romanía en Bilbao, con xurisdicción consular en Galicia; e de Eugen Rosca, ministro conselleiro xefe da Sección Política.

Compartir: