XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica obras por preto de 1.200.000 euros

28/09/2020 A Xunta de Goberno local, en sesión ordinaria, deu o visto bo á adxudicación de varias obras por un montante global de 1.218.022,76 euros, a maioría delas correspondentes ao Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta destes e outros asuntos en rolda de prensa está mañá.

A proposta do concelleiro de Obras acordouse adxudicar a execución das obras de renovación do céspede sintético e peche perimetral do campo de fútbol das Cancelas á empresa PRACE SERVICIOS Y OBRAS SA, por un importe de 421.958,77 euros, IVE incluído. O seu inicio está programado para principios do mes de outubro e permitirá a instalación dun novo sistema de céspede sintético de altas garantías e prestacións deportivas.

As restantes obras adxudicadas encádranse no POS da Deputación da Coruña, a proposta do concelleiro de Medio Rural. As de reparación e consolidación da Ponte de Vidán adxudicáronse á empresa CONSTRUCCIONES D.OGANDO SL, por un importe de 376.649,68 euros (IVE incluído). Tamén se van levar a cabo traballos de mellora no parque infantil de Coto dos Olmos. Neste caso a empresa encargada será EULOGIO VIÑAL OBRAS Y CONSTRUCCIONES SA, por un importe de 52.800,62 euros (IVE incluído). No acondicionamento da contorna do Centro Sociocultural da Gracia investiranse 240.693,68 euros, uns traballos que realizará ALCOMPTE GALICIA SL e que consistirán tamén na mellora da accesibilidade no propio centro e na creación dunha área de xogos e dun circuito biosaudable nas inmediacións. Por último, adxudícase a construción de dúas pistas polideportivas multiusos no lugar de Carregal e dun parque biosaudable no entorno da igrexa do Piñeiro no Eixo á empresa OBRAS Y VIALES DE GALICIA SL por un importe de 125.920,01 euros (IVE incluído).

Para rematar o apartado de obras, acórdase conceder licenza para a restauración da Torre da Vela da Catedral e para a instalación de dous ascensores en edificio de vivendas situados na rúa Sánchez Freire, 38-44, no barrio de Conxo.

Resolución definitiva das bolsas do servizo de taxi
Nesta xuntanza tamén se deu luz verde á resolución definitiva da convocatoria para a concesión de axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo. As 43 solicitudes admitidas percibirán axudas por un total de 14.450 euros (39 solicitudes percibirán 350 euros cada unha elas; dúas 250 euros e outras dúas 150 euros).

A proposta da alcaldía, deuse conta da aceptación dunha subvención complementaria da Xunta de Galicia para facer fronte ao incremento dos gastos producido polo aumento do Salario Mínimo Interprofesional no obradoiro de emprego CREAS II e a ampliación do tempo necesario para rematar o devandito proxecto, que ve incrementada a súa contía en 146.808,84 euros.

Tamén se prorroga o proxecto europeo "Tropa Verde", cofinanciado polo programa europeo URBACT III (2014-2020). Debido á situación excepcional orixinada pola COVID-19 que ocasionou a paralización do proxecto durante varios meses, o secretario do programa URBACT III decidiu conceder unha prórroga de 6 meses a este proxecto, co fin de poder levar a cabo todas as actividades previstas no mesmo. Polo tanto, a nova data de fin de proxecto é o vindeiro 4 de xuño de 2021.

Transporte metropolitano
O alcalde deu conta da comunicación enviada ao Concello por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na que se informa de que a partir do 19 de setembro de 2020 decaeron varias concesións autonómicas de transporte colectivo e, polo tanto, que a partir desa data correspóndelle ao Concello de Santiago asumir a prestación, se así o estima conveniente e nas condicións que considere oportunas, dos tráficos internos ao seu termo municipal que, na actualidade, segundo a comunicación, estaban a ser atendidos por elas. Serían as liñas Santiago de Compostela – Hortas; Santiago de Compostela – Oza dos Ríos; Lalín – Pontevedra; Santiago de Compostela – Carballo; e Santiago de Compostela – Camariñas.

No mesmo escrito anúnciase o próximo vencemento das liñas Lugo - Santiago de Compostela; Santiago de Compostela – Balcaide – Firmistáns; Muxía – Santiago de Compostela e Aguiño –Noia; Rois (Antequeira) – Santiago de Compostela; e A Coruña – Ferrol – Ortigueira – Viveiro –Vilalba –Lugo.

Competencias en Igualdade
Na rolda de prensa o alcalde tamén anunciou a delegación das competencias de Igualdade, que ata o de agora levaba Noa Díaz, na concelleira de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón.

Compartir: