ACCIÓN CULTURAL

O Festival herDanza celebra cinco edicións sacando de novo a danza á rúa

31/08/2020 Este xoves comeza o Festival HerDanza, que este ano chega á súa quinta edición. Entre os días 3 e 5 de setembro, o parque de Bonaval e o CGAC serán os principais escenarios dos espectáculos de danza, as conversas e as proxeccións audiovisuais que constitúen o programa do festival.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada do director do CGAC, Santiago Olmo, e do equipo de dirección de herDanza, Isabel Sánchez, Leodan Rodríguez e Xiana Vila, presentaron esta mañá a programación do festival, unha proposta do Concello de Santiago de Compostela que coloca no centro os creadores e creadoras galegas, ofrecendo unha variada proposta de actividades dirixidas ao público xeral.

Durante a presentación, Mercedes Rosón destacou que este festival se artella como un punto de encontro para artistas e entidades do sector cultural, que contribúe a establecer redes que resultarán tan enriquecedoras para os creadores como para os espectadores que asistan aos espectáculos.

Programa
Na xornada do xoves, 3 de setembro, celebrarase unha conversa sobre o tradicional e o contemporáneo na danza, ás 17 horas no CGAC, e ese mesmo día, ás 19 horas, o parque de Bonaval será escenario de tres propostas artísticas da man de Daniel Rodríguez, Abdiel Vargas, Yaimelys Robaina, Marta Cuba e Remedios Cuba.

O venres 4, ás 17 horas, poderase asistir ao espectáculo froito da residencia do coreógrafo Mikel Aristegui no CGAC, baixo o título 'Ouveo', e un posterior coloquio co artista. Ás 19 horas, de novo tres propostas de danza a cargo de Wacking do Fiandón, Milagros Bordones e a Cía Mai.

O sábado 5 péchase o festival con tres propostas: ás 12:30h o visionado do filme 'Polina' no CGAC; ás 17h a presentación do libro 'O público está aquí'; e ás 19 h danza en Bonaval con Xián Martínez, Clara Ferrao e Leodan Rodríguez.

Pódese consultar a programación completa na web http://herdanzafestival.org/

Entradas e acceso
O aforo de cada evento está limitado a un total de sesenta persoas, para poder garantir as distancias de seguridade. A entrada é gratuíta, e o público deberá asistir con media hora de antelación ao recinto, e seguir as indicacións do persoal de acomodación.
Pódense reservar os convite na web do festival: http://www.herdanzafestival.org/reserva-de-entradas/

Compartir: