MOCIDADE

Rematadas as obras de acondicionamento dos locais de ensaio e o Centro Xove da Almáciga

31/08/2020 A concelleira de Mocidade, Noa Díaz, visitou esta mañá o Centro Xove, unha vez finalizadas as obras de acondicionamento da nave e dos locais de ensaio anexos. Estes traballos contaron cun investimento de 34.000 euros

"Agardamos que a finais de mes as obras estean recepcionadas, indicou a concelleira, para que os rapaces e rapazas de Santiago poidan gozar destas instalacións" en condicións.

No Centro Xove construiuse unha pequena cabina, na que estarán os equipos de son e a mesa de iluminación. Tamén se abriu unha porta de emerxencia para facilitar a evacuación da sala directamente ao exterior.

Nos tres locais de ensaio de música, anexos ao Centro Xove, traballouse para solucionar os problemas de acústica e insonorización. Forráronse as salas de ensaio cunha escuma illante, cambiáronse as portas, instaláronse unhas tarimas novas no chan e outras para colocar as baterías, e solucionáronse os distintos problemas de electricidade que había na zona dos estudos de gravación. Tamén se colocou no corredor de acceso unha porta para illar o son da sala de espera, na que se eliminaron dous baños que non se estaban usando. Ampliouse así esa zona, o que vai permitir gardar mellor a distancia de seguridade.

Compartir: