CENTROS SOCIOCULTURAIS

Abre o 1 de setembro o prazo de inscrición para os obradoiros de teatro e radio programados nos centros do Ensanche e O Romaño

27/08/2020 "Proba Teatro en setembro!" e "Radio Teatro", accións incluídas dentro do programa de actividades de centros socioculturais, desenvolveranse a partir do luns 7 de setembro, pero será preciso inscribirse previamente dende o martes 1. Ambas actividades son de balde.

A inscrición realizarase exclusivamente por vía telefónica chamando aos centros do Ensanche (981543001) ou do Romaño (981543005). As prazas son limitadas e requirirase a cumprimentación dun formulario coa aceptación das normas e condicións aplicadas polas medidas preventivas da COVID-19, que se enviará por correo electrónico aos inscritos. O uso de máscara será obrigatorio para os participantes e a entrada e a saída será escalonada (adxudicarase a hora de entrada no momento da inscrición).

"Proba Teatro en setembro!", impartido por Paco Luna, desenvolverase nos dous centros. A partir do luns 7 no Ensanche e do martes 8 no Romaño, sempre en horario de tarde. Nestes suxestivos obradoiros, abertos para maiores de 16 anos, os participante aprenderán a desenvolverse en público, interpretación ou expresión corporal, entre outras destrezas.

"Radio Teatro" é unha actividade de construción de radioficción para público infantil (5 a 9 anos), que terá lugar no centro do Ensanche os días 7, 8 e 9 de setembro de 10.30 a 12.30 h.

Os dous obradoiros están organizados por Talia Teatro no marco do proxecto de teatro comunitario que desenvolve o Concello de Santiago.

Compartir: