MOBILIDADE

Gonzalo Muíños asistiu á constitución da Asociación de Empresas Galegas de Alugueiro de Autocaravanas

30/06/2020 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, asistiu este martes na praza do Obradoiro á presentación da Asociación de Empresas Galegas de Alugueiro de Autocaravanas (Asemgal), que quedou constituída hoxe en Santiago de Compostela. Esta entidade reúne 36 firmas do sector co obxectivo de por en valor as posibilidades que oferta para Galicia este modelo de actividade dentro do ámbito turístico.

Fronte á Covid-19, Asemgal quere posicionar o aluguer de autocaravanas como unha solución segura (os vehículos son células de viaxe totalmente independentes), familiar (o gasto medio por autocaravana e familia, á parte do importe do aluguer, é de 150 €) e de proximidade (as rutas de viaxe alternativas poñen en valor os recursos turísticos e valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais de Galicia).

Dende Asemgal aseguran que este modelo de industria, con gran tradición noutros países, apenas resulta invasivo e pon en valor tanto a costa coma o interior, ademais de xerar riqueza no comercio local ou de proximidade. Ademais, o seu carácter itinerante capitaliza o impacto económico nun gran número de comarcas.

Compartir: