ALCALDÍA

Tres policías locais incorpóranse ao VioGén

29/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Riobóo, asinaron esta mañá o protocolo que supón a incorporación definitiva de tres policías locais ao Sistema VioGén (Sistema de Seguimento Integral nos Casos de Violencia de Xénero), unha vez completado o seu período de formación. Foi no marco da celebración dunha nova Xunta de Seguridade Local na que, entre outros asuntos, se analizaron os índices de seguridade cidadá e as medidas de seguridade para os días 24 e 25 de xullo.

O protocolo asinado este luns establece a coordinación de distribución de funcións e das vítimas entre o Corpo da Policía Local de Santiago e as outras Forzas e Corpos de Seguridade que operan no municipio, co fin de garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección as vítimas de violencia de xénero.

Tres axentes da Policía Local incorpóranse inicialmente ao VioGén, tras ter superado un período de formación e coa función, en principio, de custodia e acompañamento de vítimas de baixo risco. Traballarán mañás, tardes e fins de semana.

Cidade segura
Sobre índices de seguridade cidadá, o alcalde destacou o descenso dun 34,61% do número de delitos (671 menos), feito que relacionou, en gran medida, co período de confinamento. En calquera caso, tal como apuntou a subdelegada do Goberno, "Santiago é unha cidade segura". Neste sentido, destacou a coordinación entre Policía Local, Policía Autonómica e Policía Nacional.

Malia a este descenso xeneralizado do número de delitos, Sánchez Bugallo expresou a súa preocupación pola "alza continuada nos últimos anos das denuncias vinculadas ás compras a través de internet", polo que reiterou a petición á poboación para que efectúe este tipo de adquisicións coas máximas garantías de seguridade e para que protexan os seus datos persoais e bancarios.

Tamén se fixo eco da "preocupación cidadá" polo "incremento do consumo de heroína" a nivel global, pero que se traduce en problemáticas concretas como "a proliferación de xiringas" ou "a vinculación, en moitos casos, á ocupación ilegal de vivendas". Neste último caso, insistiu en que se trata dun problema que "excede das competencias da Xunta Local de Seguridade, pois deriva do propio marco legal", que ás veces supón "unha demora de meses" nas actuacións.

Os Corpos de Seguridade seguen tamén traballando no dispositivo para os días 24 e 25 de xullo. Neste caso, tal como apuntou o alcalde, a propia situación derivada da Covid-19 propiciará menores concentracións, como as que non haberá na praza do Obradoiro, ao non celebrarse o espectáculo audiovisual e ao lanzarse a pirotecnia dende diferentes partes da cidade. De todos modos, Sánchez Bugallo considerou "inevitables certa concentración de persoas e as manifestacións habituais" nesas datas.

Compartir: