CONSORCIO

Amplíase o prazo de inscrición no curso de posgrao de especialización orquestral, que permite aos alumnos formarse coa RFG

29/05/2020 A declaración do estado de alarma levou á suspensión dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, o que afectou tamén á inscrición no Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO) 2020-2021, no que se veñen de ampliar os prazos. Este curso impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago. Diríxese a músicos/as instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

O curso, que xa celebra a súa novena edición, dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de xuño de 2021. As solicitudes para inscribirse no mesmo deberán presentarse ata o 7 de agosto a través da páxina web da Escola: www.eaem.es.

Todos/as os/as alumnos/as disporán dunha bolsa por unha cantidade de 300 euros ao mes. E, como alumnos/as de pleno dereito da Universidade de Santiago, terán posibilidade de aloxamento na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, situada a 180 metros da Escola.

Este curso de posgrao ofrece aos/ás futuros/as músicos/as a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os/as mestres/as da Escola son músicos/as da RFG. E cada alumno/a participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, recibirán clases individuais de especialización instrumental, de música de cámara, clases teóricas e clases maxistrais das diferentes especialidades impartidas por solistas de recoñecido prestixio convidados polo centro. Tamén participarán en concertos públicos dentro da programación A Escola na cidade.

Os/as aspirantes terán que amosar as súas habilidades nunha audición
A Escola ofrece 18 prazas nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para as especialidades de contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Xunto coa documentación, os/as aspirantes deberán presentar un vídeo no que se mostre a interpretación das obras requiridas. Os/as preseleccionados/as realizarán unha proba final, que terá lugar do 14 ao 18 de setembro e consistirá nunha audición presencial na sede da Escola, na que os/as candidatos/as terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.

Compartir: