PLENO

O Pleno aproba unha moción conxunta reclamando o IVE super reducido do 4% para o sector cultural

28/05/2020 A Corporación aprobou unha moción conxunta para reclamar o IVE super reducido para o sector cultural. Así, acórdase trasladarlle ao Goberno do Estado a necesidade de considerar "a aplicación do IVE súper reducido do 4% a produtos, eventos, contratacións e actividades culturais para favorecer a igualdade de dereitos na participación nesta actividade e o apoio a este sector profesional". Solicítase que esta medida non supoña a exclusión de reducións similares noutros bens, servizos e sectores, especialmente nos que teñen que ver coa protección fronte ao coronavirus.

Na exposición de motivos resáltase a necesidade de "afortalar o sector cultural, para o que cómpre adoptar medidas como a redución do IVE cultural do 10% ao 4%, do mesmo xeito que se vén de realizar no libro electrónico, revistas e xornais dixitais para equiparalo ao tipo impositivo destes mesmos produtos en papel". Recórdase que esta é unha medida que tamén foi reclamada por representantes da industria cultural, xunto con outras específicas para este sector.

Neste sentido, indícase na moción, "a aplicación do IVE súper reducido do 4% no Estado español pode favorecer o mantemento de cines, museos, teatros, concertos e espectáculos ao vivo, así como as entradas a feiras e exposicións comerciais de cultura. Debe repercutirse tamén esta baixada nos servizos desenvolvidos por persoal técnico, artístico, de dirección e de produción de eventos culturais para que poidan retomar a súa actividade económica con maior facilidade".

Plan de revitalización cultural
Seguindo coa cultura, aprobouse unha proposición presentada polo BNG para a posta en marcha dun plan de revitalización cultural consensuado co sector, co fin de "afianzar a programación artística e contribuír a garantir a súa viabilidade empresarial e o dereito cidadán de participar destes eventos adaptados ao contexto das consecuencias da pandemia do coronavirus. A medida foi votada a favor por PP, CA e BNG e recibiu a abstención do PSdeG-PSOE.

Censo municipal de persoas maiores
Outra das proposicións ratificadas foi unha do PP instando ao Goberno local a "dar os pasos necesarios para a realización dun censo municipal de persoas maiores que vivan soas no termo municipal". Este documento, indican, permitirá "dispor da información máis actualizada e completa posible para subministrarlles as liñas de axuda e facilitarlles os recursos públicos dos que poidan ser beneficiarias estas persoas, contribuíndo así a unha mellora efectiva da calidade de vida nos seus fogares e evitar posibles situacións de risco". Neste caso deron o seu voto favorable PP e BNG e abstivéronse PSdeG-PSOE e CA.

Plan de Rescate Social
O capítulo de proposicións pechouse coa presentada por Compostela Aberta para crear unha comisión especial de estudo para impulsar un Plan de Rescate Social para Santiago. Tamén se solicita o impulso a unha mesa de diálogo co tecido social para "vehiculizar a información, comunicación e participación co tecido social compostelán, para que participen nas sesións de traballo e sexan partícipes na elaboración e implementación" do devandito Plan.

Esta proposición recibiu unha emenda do PP, transaccionada á súa vez, por CA, engadindo un terceiro punto no que se solicita que esta comisión leve a cabo, como un dos seus primeiros traballos e en paralelo ao resto, "unha reconsideración do vixente orzamento municipal co fin de determinar aquelas partidas susceptibles dunha reasignación para destinalas a fins sociais e axudas económicas para a reactivación do tecido empresarial e comercial do concello".

Deron o seu si a esta comisión PP, CA e BNG, mentres que o PSdG-PSOE optou pola abstención.

Canon do lixo
Na sesión tamén se deu o visto bo por unanimidade ao importe previsto de aforro para 2020 no custo do canon que se paga á Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) pola xestión do lixo, que alcanza os 302.326,93 euros. Esta cantidade xorde de aplicar á previsión de recollida deste exercicio, de 39.832,270 toneladas o importe da bonificación, fixado en 6,90 euros/tonelada.

Modificacións de crédito
En materia orzamentaria, aprobouse un crédito extraordinario de 10.000 euros para facer fronte ao compromiso de achega municipal no convenio con Xunta de Galicia e Deputación da Coruña para a adquisición dun vehículo todo camiño, dous todo terreo e un furgón destinados á Agrupación de Protección Civil de Santiago de Compostela.

Ademais, deuse o visto bo a un expediente de modificación de crédito, por un importe de 100.000 euros, co obxectivo de dar cobertura á convocatoria de axudas para a mellora e innovación da restauración e da hospedaxe de Santiago de Compostela.

Os dous cambios orzamentarios foron aprobados por unanimidade.

Compartir: