SAÚDE E SEGURIDADE CIDADÁ
O Concello instala unha carpa xunto ao Centro de Saude de Fontiñas na que se realizan test epidemiolóxicos
27/04/2020 O Concello de Santiago de Compostela vén de ceder unha carpa, instalada pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, a carón do Centro de Saúde de Fontiñas, na que, dende esta mañá, se están realizando os test da primeira fase do estudo epidemiolóxico que servirá para definir a dimensión da epidemia da COVID-19. A petición formalizouse a través da Concellaría de Políticas Sociais e Saúde, que dirixe Mila Castro; e a través do Departamento de Seguridade Cidadá, dirixido polo concelleiro Gonzalo Muíños.
A finalidade destas análises, postas en marcha pola Xunta de Galicia, é triple: estimar a prevalencia da inmunidade fronte á COVID-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información. Está previsto que nesta primeira fase, que comezou o pasado xoves, se realicen en Santiago 1.650 test en diferentes centros de atención primaria.