CULTURA

O Principal acolle a estrea do documental "China Blue"

28/02/2007 O Teatro Principal converterase de novo en pantalla de cine para a estrea do documental "China Blue", realizado polo director israelí Micha X. Peled. Este filme enmárcase na campaña "Roupa Limpa", que promove un comercio téxtil xusto e denuncia a explotación neste sector.

Este filme sobre as condicións de produción téxtil en China, estréase o xoves 1 de marzo, ás 19:00 horas, no Teatro Principal, para logo percorrer as principais cidades galegas. O documental xa foi presentado en Cataluña, Euskadi e Valencia.

Coa súa estrea en Galicia, quere achegar a todos a problemática das condicións de traballo dos e das miles de traballadoras do sector téxtil en moitos países. É unha boa oportunidade a través do cine de por en imaxe e comprender mellor a situación que se vén denunciando para así traballar na mellora das condicións de vida destas persoas, sobre todo mulleres, grupo máis maioritario neste ámbito.
A estrea do filme, que é de balde e está aberta a todo o público, constará de proxección e un posterior coloquio onde estarán presentes Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, e Fernanda Couñago, responsable da campaña "Roupa Limpa" en Galicia

Este proxecto é unha iniciativa internacional enmarcada dentro da "Clean Clothes Campaign", que opera en nove países europeos. En Galicia a campaña está coordinada pola ONG Amarante.

O obxectivo principal é promover o comercio baseado no respecto á persoa. A campaña oponse a aquel que explota a millóns de traballadores/as, especialmente a miles de mulleres, as máis marxinadas do sector téxtil. É polo tanto o voceiro das reivindicacións das persoas que confeccionan a nosa roupa.

Durante os seus cinco anos de funcionamento, as accións foron orientadas principalmente a informar e sensibilizar. Na actualidade, pretendese dar un paso máis cara a denuncia e achega de propostas de mellora da inxusta situación na que viven os traballadores e traballadoras do sector téxtil en moitas partes do mundo.

Compartir: