XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o novo calendario fiscal

27/04/2020 A Xunta de Goberno, na sesión ordinaria celebrada este luns, aprobou o novo calendario fiscal, adoptado a raíz da crise do COVID-19. Na xuntanza, tamén se ratificou a ampliación dos contratos con varias cadeas de supermercados que participan no tícket especial de compra e deuse o visto bo á adquisición de 25.000 máscaras cirúrxicas.

Unha vez que o pasado venres o Pleno habilitou ao Goberno municipal para a modificación das ordenanzas fiscais, faise efectiva esta ampliación de prazos en varios impostos e taxas municipais, que quedan do seguinte xeito:

- Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM): dende o 5 de maio ata o 5 de xullo, ambos incluídos (ou día hábil inmediato posterior).

- Imposto sobre Bens Inmobles (IBI urbano, rústico e de características especiais): dende o 5 de xullo ata o 5 de outubro. Tendo en conta que o último día para acollerse ao sistema especial de pago se fixa o 30 de maio, de facer uso desta posibilidade, o primeiro prazo e pago remataría o 5 de agosto, o segundo o 5 de outubro e o terceiro o 5 de novembro.

- Taxas por ocupación de vía pública (vados): dende o 5 de xuño ata o 5 de setembro, ambos incluídos (ou o día hábil inmediato posterior).

- Taxas por ocupación de vía pública por mesas e cadeiras: dende o 5 de setembro ata o 5 de novembro ambos incluídos (ou día hábil inmediato posterior). Farase constar a dedución da parte correspondente polo tempo que non se puideron utilizar estas mesas e cadeiras.

Tícket especial de compra e compra de máscaras
A Xunta de Goberno tamén acordou a ampliación de contratos con cinco cadeas de supermercados que participan no tícket especial de compra, por importe de 90.000 euros. Ademais, aprobouse a adquisición de 25.000 máscaras cirúrxicas por 24.000 euros máis IVE (ao prezo de 0,96 euros).

Outra adquisición á que se lle deu o visto bo foi a de 35 equipos informáticos de lectura de tarxeta para facilitar a sinatura electrónica e de 10 puntos de acceso sen fíos Wifi. A propósito desta compra, o alcalde lembrou que son 212 os/as funcionarios/as acollidos ao sistema de teletraballo, dos que 182 xa o realizan de xeito efectivo, restando outros 30 por incorporarse ao sistema.

Continuidade de trámites de contratación
A Xunta de Goberno tamén acordou levantar a suspensión do prazo e continuar co procedemento de contratación de dous contratos: o do servizo de limpeza nos edificios e instalacións dependentes do Concello de Santiago, e o da obra de reparación do muro entre as rúas de París e Luxemburgo, en Fontiñas.

Prazo ampliado
Finalmente, acordouse a ampliación do prazo ata o 15 de xuño para a presentación de traballos no XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. O fallo do xurado terá lugar na segunda quincena de xullo de 2020. A persoa ou persoas autoras da obra premiada deberana entregar rematada antes do 30 de setembro de 2020.

Desconfinamento de nenos e nenas
O alcalde tamén aproveitou a rolda de prensa para "agradecer aos/ás composteláns/ás a responsabilidade mostrada no día de onte", a propósito da saída dos nenos e nenas do confinamento. Unicamente lamentou "algún incumprimento, maiormente propiciado polos maiores".

Insistiu en que "o control de 12.000 menores e os seus acompañantes é imposible e supera a capacidade das forzas de seguridade", polo que apelou de novo á "responsabilidade" e a "respectar as normas de seguridade". E se ben na xornada de onte non houbo ningunha sanción por isto, indicou que "a desobediencia ou a reiteración" vaise sancionar.

Praza de Abastos
Sobre o que si expresou preocupación o alcalde foi por algunha escena de concentración de xente vista esta fin de semana no Mercado de Abastos. "É necesario un control de aforos, e hoxe mesmo lle pedín aos Bombeiros e a Protección Civil que elaboren unha proposta, e reclamaremos á cooperativa da Praza o cumprimento das normas de seguridade".

Compartir: