CULTURA E EDUCACIÓN

O I ciclo "Revelando voces" en Compostela comeza cun concerto de Xavier Díaz

28/02/2007 As Concellarías de Cultura e Educación e Mocidade veñen de por en marcha un proxecto para que os novos intérpretes composteláns se dean a coñecer no mundo musical da cidade apoiados por artistas xa máis recoñecidos. O ciclo "Revelando voces" acollerá no mes de marzo os concertos de sete artistas que mostrarán ao público o seu traballo dos últimos anos.

O concelleiro de Cultura Néstor Rego e a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos presentaron hoxe este programa acompañados de Xavier Díaz e Guillermo Fernández, que inaugurarán o ciclo, o xoves 1 de marzo, ás 20:30 horas, presentando o seu último traballo. O Centro Sociocultural do Ensanche será a sede de todas as actuacións que compoñen este ciclo, nas que a entrada será de balde.

Xabier Díaz é un recoñecido músico, cantante e bailarín que conta xa cunha dilatada carreira dentro do panorama musical galego e do universo da cultura tradicional. Ademais de ser mestre e director da Escola de Música e Baile tradicional do concello de Ames, participou en numerosos proxectos como Cantos na Maré, (2003) xunto con músicos recoñecidos como Uxía Senlle, Chico César ou Manecas Costa ou Ao pe da Letra, proxecto no que se exploran as alturas e profundidades da lingua galega no territorio da música popular contemporánea.

Actualmente, compaxina o seu proxecto persoal co seu papel de cantante nos espectáculos da compañía Nova Galega de Danza, acadando o nomeamento nos Premios MAX 2005 como Mellor Espectáculo Revelación, e coa que gravou a música do seu primeiro espectáculo, Alento.

Os seguintes concertos correrán a cargo de Diego Massimini (8 de marzo), Roberto Sobrado (13 de marzo), Markinhos Drinkin (20 de marzo), Pepe Constenla (28 de marzo), Xoán Curiel (29 de marzo) e Carmen Dor (30 de marzo).

Compartir: