LECER

O Concello de Santiago agrupa distintas actividades de ocio destinadas á cidadanía baixo o hastag #Compostelaquedanacasa

27/03/2020 #Compostelaquedanacasa é o hastag co que o Concello de Santiago agrupa varias actividades recompiladas dende os distintos departamentos co obxectivo de facer máis levadeira a estancia nos fogares durante a crise do COVID19. Na rede existen unha chea de recursos docentes, culturais e deportivos que se están poñendo a disposición das familias e dos nenos e nenas para que o tempo de confinamento se converta en tempo de ocio.

Todos os recursos dispoñibles vinculados a programas do Departamento de Lingua do Concello de Santiago están na súa web: delingua.santiagodecompostela.gal. Actividades para horas de ocio como:

- ATOPANDO COMPOSTELA (atopando.santiagodecompostela.gal). Trátase dun xogo en liña para coñecer a riqueza que encerran os nomes de lugar mentres nos movemos virtualmente polo municipio compostelán. Para xogar en grupo ou individualmente, na casa ou a distancia.

- CONTO VIAXEIRO (contoviaxeiro.santiagodecompostela.gal). Libros dixitais escritos e ilustrados colectivamente dende as aulas dos centros de Santiago, historias en vídeo e máis propostas para facer na casa con nenos e nenas de primaria.

- ENREGUÉIFATE (enregueifate.gal). Destinado á mocidade, co obxectivo de encher a rede de regueifas e, ao mesmo tempo, preparar algunha para a convocatoria do certame deste ano. Tamén están os vídeos dos participantes en edicións anteriores. E para o profesorado que está a traballar co alumnado a distancia tamén se inclúen propostas didácticas.

- YOUTUBEIR@S (youtubeiras.gal). Creatividade audiovisual en estado puro e sen límite de idade. Os saberes, as ideas ou ocorrencias, as creacións musicais... teñen unha comunidade youtubeira en galego. Dende a páxina deste proxecto podedes ver o moito que deron de si as edicións anteriores e ir preparando, mesmo con consellos e titoriais, o material para concursar este ano.

- APEGO (apego.gal). Para as parellas que están agardando un bebé, propoñemos, que visitedes a páxina apego.gal. Nela atoparedes información sobre o ben que lles fai falarlles en galego aos vosos fillos e fillas en galego, dende o berce; e recursos para apoiar a crianza en galego, ademais de propostas de nomes. Os que xa son pais dun cativo ou cativa, a través da sección "recursos" poden atopar arrolos, recitados, xogos, etc. Unha porta aberta a un mundo de propostas, entre as que hai unha ampla selección de música, series, ou ligazóns a páxinas sobre recursos infantís. Todo está en apego.gal/outros-recursos. No apartado de descargas desta páxina pódese atopar unha chea de material para imprimir na casa e usar cos vosos nenos e nenas. Por exemplo, "De como se chaman" inclúe bits para aprender xogando os nomes das cousas do universo infantil e máis unha selección de animais que podemos atopar calquera día de paseo polo noso medio natural. E "Das cousas do tempo" contén os elementos para construír un almanaque diario, co que aprender números, nomes dos días, dos meses, das estacións, o tempo meteorolóxico..., e tamén un pasatempo para ir familiarizándose coas horas e os reloxos.

Departamento de Mocidade
Pola súa banda, o Departamento de Mocidade, a través dos seus perfís oficiais en redes sociais e os perfís do Centro Xove da Almáciga lanzou a iniciativa #CompostelaCreanaCasa para animar á mocidade creativa de Santiago a compartir o seu bo facer en música, poesía, ilustración, pintura; sempre cunha vocación lúdica e formativa. A acción leva en marcha dende o venres e xa acadou máis dunha decena de participacións.

As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Concellería de Mocidade en Facebook , Twitter ou Instagram e enviar o seu vídeo a través de sistemas para compartir contidos como WeTransfer, Dropbox ou Google Drive.

O Centro Xove ofertará diferentes plans, contidos e mesmo cursos durante o estado de alarma. Ofrecen unha proposta diaria con luns culturais, martes de faladoiro, mércores de artes, xoves de encontro e venres en liña, cun curso de iniciación á guitarra incluído. A información sobre todas estas actividades pode consultarse na web centroxove.com, en concreto no apartado #euquedonacasa, pero non sen plan!.

Compostela Cultura
A Axenda C, de Compostela Cultura, difunde semanalmente distintas actividades para todas as idades e gustos. Propostas como Rede musical, con obradoiros e actuacións en directo de distintos artistas, entre as que se atopan gravacións da Real Filharmonía de Galicia e da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela. Ou como Ler en liña e liñas para ler, unha proposta a través da cal se pode acceder a Galicia le, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico, pertencente á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que permite ler sen saíres da casas.

Outra opción para pasar o tempo de ocio é Palabras en rede, na que se pode acceder a creacións narrativas e poéticas de distintos autores. Dende aquí tamén podes acceder ao salón virtual que puxo en marcha o Salón do Libro de Pontevedra, con contos, cantigas, obradoiros, malabares, kits de supervivencia poética, etc. E aos recursos de kalandraga.tv: contos contados e cantados, vídeos musicais, entrevistas con ilustradoras e ilustradores e animacións de libros.

Outras das iniciativas incluídas nesta proposta é o Festival Atlántica de Narración Oral, con contos para toda a familia dos que e pode gozar a través de Facebook ou Youtube. E os eventos que está a pendurar Hay festival, un dos socios do Auditorio de Galicia no proxecto Wom@rts. Cada día, a organización do certame pon en aberto conversas entre figuras destacadas da literatura mundial.

A cuarta proposta da Axenda C é Na punta do pé, un obradoiro de baile con perspectiva de xénero co que a xente de Ardelloeixo amosa distintos modos de bailar e de pensar o baile. Tamén a través desta canle, podemos atopar Un punto ao día con Luís Prego, unha serie de vídeos nos que este bailarín nos ensina puntos de baile galego, para que vaiamos practicando, o mesmo que outro bailarín, Antonio Prado.

E a quinta proposta vai de cinema. Novo cinema galego, o Arquivo das Novas Prácticas Cinematrográficas na Galicia, o colectivo Crea (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización) e os organizadores da Mostra internacional de Cinema Galego que tiña que celebrarse esta semana, poñen a disposición das familias distintos filmes, así como arquivos con textos académicos e divulgativos sobre o sétimo arte, aos que se pode acceder a través do apartado E ti que ves? da Axenda C.

A Axenda C conta cun boletín que informa da oferta cultural da cidade, e no que as persoas interesadas se poden suscribir.

Alguén que respira
O festival de poesía Alguén que respira, organizado polo Concello de Santiago, foi cancelado fisicamente, pero non virtualmente O completo programa de recitais pódese escoitar na web alguenquerespira.gal. Poesía contra a violencia, poesía contra o confinamento, poesía contra a intransixencia ou poesía de confinamento, na voz dos seus propios autores.

Área de Deportes
A empresa Xade, que xestiona o Multiúsos do Sar e o complexo deportivo de Santa Isabel, habilitou na súa web, multiusos.net, o apartado Euadestronacasa, no que as persoas deportistas poden atopar vídeos titoriais de clases en directo, e as familias poden manterse en forma sen saír da casa.

Compartir: