CULTURA

Chegan a Compostela algunhas das obras máis destacadas do panorama teatral español

27/02/2007 Algunhas das obras de teatro e danza máis destacadas do panorama español chegan un ano máis ás táboas do Principal e do Auditorio de Galicia. Veñen da man dunha edición de "Teatro en xira", unha iniciativa promovida pola Concellería de Cultura e a Fundación Caixa Galicia.

No primeiro semestre de programación os espectadores composteláns poderán presenciar as obras "Alma" (27 e 28 de febreiro), "Un cuento de invierno" (17 de marzo), "Auto" (30 de abril e 1 de maio) e "Cyrano de Bergerac" (11 de maio).

Tralo paso do espectáculo de danza "Alma", chegará ao Auditorio de Galicia "Un cuento de invierno", de William Shakespeare, dirixida por Magüi Mira e protagonizada por Will Keen e Lucía Jiménez. Trátase dunha obra comunmente catalogada como comedia, pero con elementos de drama e novel psicolóxica, ata ser considerada como a obra total de Shakespeare.

A seguinte obra do programa é "Auto", creada e dirixida por Ernesto Caballero. Protagonizada por Carmen Machi, Vicente Díez, Marisol Rolandi e Eva Santolaria, reúne a catro personaxes nun espazo alegórico para intervir nun xuízo no que xa non se sabe en calidade de qué comparecen. É unha sorte de auto sacramental no que se amosan de modo antidoutrinario e sarcástico os mecanismos que atenazan ao home dos nosos días.

Pecha esta primeira etapa da programación todo un clásico "Cyrano de Bergerac", de Edmond Rostand. Baixo a dirección de John Strasberg, o espectador compostelán asistirá a unha nova versión desta obra, escrita no XIX, pero ambientada no século XVII, sobre un particular cabaleiro, Valente, apaixonado, elocuente, divertido, feroz e independente.

Compartir: