PLENO

O Pleno aproba unha moción en apoio das reivindicacións do movemento feminista con motivo do 8M

27/02/2020 O Pleno da Corporación, na súa sesión ordinaria de febreiro, aprobou unha moción conxunta presentada por PSdeG-PSOE, Compostela Aberta e BNG con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. A sesión abriuse unha vez máis cun minuto de silencio polas últimas vítimas da violencia machista.

A moción mostra o apoio municipal ás mobilizacións e reivindicacións do movemento feminista galego para a celebración do 8 de marzo de 2020, nomeadamente aquelas que teñen que ver cos coidados, o dereito a unha sanidade pública e de calidade e o dereito a vivir no rural con dignidade. Tamén se demanda á Xunta de Galicia o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra as violencias de xénero, que deben situarse en torno ao 1% dos orzamentos da Xunta. Igualmente, pídese ao Goberno autonómico a realización de estudos periódicos sobre o valor social e económico do traballo do fogar e do coidado, e a asunción dos programas relativos á dependencia para garantir a súa prestación universal e en igualdade para todas as persoas usuarias, sen que iso dependa do Concello de residencia.

En canto o Goberno do Estado, a moción demándelle o incremento da dotación orzamentaria ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, de xeito acorde ao acrecentamento das competencias por parte das administracións locais para poder asumir e exercer esas funcións cos recursos económicos precisos. Tamén se insta ao Executivo español e á Xunta de Galicia a dar resposta e impulsar todas as medidas solicitadas polo Pleno do Concello de Santiago nos últimos anos, con motivo da celebración do 8M, en materia de perspectiva de xénero, de igualdade salarial, inserción laboral, corresponsabilidade e conciliación e violencia de xénero.

A moción conxunta recibiu os votos favorables dos tres grupos propoñentes e a abstención do PP, grupo que presentou outra moción relativa a este tema. Neste caso, a moción recibiu o voto a favor do propoñente e a abstención dos outros tres grupos.

Modificación puntual do PXOM
En materia de urbanismo, o Pleno aprobou definitivamente e por unanimidade a modificación puntual do PXOM nas disposicións transitorias 2ª e 12ª, en relación ao Plan Parcial de Fontiñas e PERIS de Concheiros, Vieiro e Outeiro. Este cambio incide fundamentalmente nun incremento da superficie edificable residencial

Proposicións
Cos votos favorables de PP, CA e BNG e a abstención do PSdeG-PSOE foi aprobada unha proposición do grupo municipal do BNG para crear o Consello de Participación e Transparencia. Dous dos puntos da proposición foron ratificados por unanimidade.

Ademais, deuse o visto bo a unha proposición o Partido Popular para o incremento de efectivos no corpo da Policía Local. Tamén votou a favor o PSdeG-PSOE e abstivéronse Compostela Aberta e BNG.

O PP tamén logrou sacar adiante unha proposición para instar ao Goberno do Estado a determinar unha achega ao Concello e establecer unha axenda para o Xacobeo. Votou a favor o grupo propoñente e abstivéronse o resto de grupos municipais.

O capítulo de proposicións pechouse cunha presentada por Compostela Aberta e aprobada por unanimidade comprometendo ao Goberno local a impulsar un complexo deportivo ao aire libre no barrio de Sar, na contorna das súas Brañas.

Servizo de Axuda no Fogar
Nesta sesión tamén compareceu a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, para falar do Servizo de Axuda no Fogar. Lembrou que no novo orzamento, a partida para este servizo incrementarase en máis dun millón de euros, pasando dos 1,9 aos 3 millóns de euros anuais.

En relación a este tema do interviñeron na sesión plenaria Dolores Dopazo, unha usuaria do Servizo, e Milagros Rozados, en representación do comité de empresa de Eulen.

Mocións
No capítulo de mocións, aprobouse por unanimidade unha de Compostela Aberta na que se acorda "organizar coas distintas áreas competentes do Goberno do Concello de Santiago a planificación estratéxica das actividades culturais de rúa para preparar e despregar o seu correcto desenvolvemento nas prazas, parques e rúas da cidade durante a celebración do Ano Santo 2021, todo elo de forma coordinada co colectivo de artistas de rúa". En relación a esta cuestión falou no Pleno Antón Coucheiro, de CircoNove.

Outra moción ratificada foi a presentada polo BNG, ratificada tamén cos votos do PP e de CA, e coa abstención do PSdeG-PSOE, na que se acorda que o Goberno local realice "unha actuación de reforma integral para a reurbanización da zona da avenida de Salamanca, da avenida de Coímbra, da rúa de Oviedo e da rúa Ultreia, co fin de gañar accesibilidade, pavimentar a rede viaria, ordenar o tráfico e, en definitiva, recuperar os espazos públicos para a veciñanza".

Tamén formulada polo grupo nacionalista, saíu adiante grazas ao voto favorable de CA e BNG e coa abstención de PSdeG-PSOE e PP, unha moción que insta ao Concello a impulsar, en colaboración co Refuxio de Animais, o seu Padroado e as asociacións de defensa dos dereitos dos animais, a creación dun cemiterio público de mascotas comarcal en Santiago de Compostela.

A seguinte moción aprobada pola Corporación foi a presentada por Compostela Aberta solicitando á Xunta de Galicia "paralizar e desbotar o proxecto de Lei para o recoñecemento das Universidades privadas no noso país", e mostrando o "apoio do Concello de Santiago á Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública e as súas reivindicacións". Esta moción, emendada polo PSdeG-PSOE no sentido de defensa da Universidade pública, recibiu o voto a favor deste grupo, de CA e do BNG. O PP votou en contra.

O Pleno tamén deu o visto bo unha moción do BNG, emendada por socialistas e populares, que insta ao Concello a "recuperar o patrimonio cultural e natural de Lavacolla, como demanda a Asociación Veciñal Ruta Xacobea, e a realizar as xestións necesarias para a dotación de servizos básicos e mellora de infraestruturas na parroquia de Sabugueira". Entre as actuacións que se citan figuran o acondicionamento de áreas de descanso de peregrinos/as, a recuperación de fontes e regatos, a recuperación das instalacións do Aeroclub, melloras nas redes de abastecemento e saneamento, a construción de beirarrúas ou a limpeza de cunetas, entre outras. Votaron a favor PP, CA e BNG e abstívose o grupo socialista.

Na sesión tamén se aprobou unha moción presentada polo Partido Popular, e ratificada tamén polo grupo propoñente e polo grupo socialista (coa abstención de CA e BNG) declarando "o apoio do Concello de Santiago ao impulso por parte da Xunta de Galicia da declaración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que anualmente se celebra na Catedral de Lugo, como Ben de Interese Cultural (BIC) de Galicia".

Finalmente, saíu adiante unha moción de Compostela Aberta que mostra "a solidariedade do Concello de Santiago con todas as traballadoras ou 'Kellys' que sofren discriminación e incumprimento dos seus dereitos laborais, así como dar un apoio manifesto ás súas reivindicacións para a mellora da súa situación". Tamén se insta ao órgano competente do Concello a estudar a posibilidade de crear un distintivo ou selo de calidade das empresas que cumpran as condicións laborais e sociais. Á Xunta demándaselle un plano de seguridade laboral e o non outorgamento de axudas a establecementos turísticos que teñan expedientes abertos relativos ao incumprimento das condicións laborais das empregadas, e a abrir unha liña de axudas para aquelas empresas que non externalicen servizos e realicen contratacións directas. No caso do Goberno do Estado, a petición é relativa á modificación das condicións de xubilación anticipada.

Sobre este tema falou Aitor Sebio, da CIG, nunha das intervencións cidadás. A moción recibiu o voto favorable unánime no primeiro punto. No segundo e no terceiro votaron a favor CA e BNG e abstivéronse socialistas e populares, mentres que no cuarto votaron a favor PSdeG-PSOE, CA e BNG e abstívose o PP.

Compartir: