ALCALDÍA

Compostela conmemorou os 200 anos do nacemento de Concepción Arenal coa colocación dun busto seu na rúa da Trindade

31/01/2020 Hai hoxe 200 anos, un 31 de xaneiro de 1820, nacía en Ferrol a escritora e activista feminista Concepción Arenal. O Concello de Santiago quixo conmemorar esta data coa celebración dun acto na rúa da Trindade, onde estará o busto que ata agora se situaba nun lugar menos visible na Costa Vella, unha vez restaurado.

O acto contou coas intervencións de Pilar Sampedro, membro da Xunta Directiva do Ateneo de Santiago; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo; Antonio López, reitor da USC; e Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago. Ademais do descubrimento da escultura, a cerimonia incluíu unha ofrenda floral e a interpretación do himno galego pola Banda Municipal de Música.

Sánchez Bugallo lembrou a presenza que Concepción Arenal ten na vida cidadá de Santiago, con rúa, biblioteca ou ambulatorio que levan o seu nome, pero sobre todo mostrouse "orgulloso do vivas que se manteñen as súas mensaxes e ideas". En particular, lembrou pola súa singularidade o seu papel cos presos e presas, comezando pola importancia a nivel internacional que tivo a súa obra El visitador del preso, que "supuxo un cambio no enfoque para as persoas da prisión, pasando de ser un castigo a ter un obxectivo reinserción social".

Ademais, explicou o desenvolvemento das "cárceres modelo" na súa época na Dirección Xeral de Prisións. "Foi un cambio radical", dixo, concibindo "cárceres ventiladas, con espazos abertos e máis amplos, co obxectivo de que o preso sen sentira un ser humano". Hoxe, engadiu, "o Código Penal aínda bebe desas fontes".

Pola súa parte, Pilar Sampedro, do Ateneo de Santiago, cualificou a Concepción Arena como unha "muller adiantada ao seu tempo, que traballou a favor dos que estaban nos lindes, os presos, os pobres, as mulleres, os orfos ou os maiores". A propósito da súa dimensión intelectual, definiuna como "a gran pensadora do século XIX, porque "reflexionou sobre as grandes cuestións do seu tempo, escribiu e actuou" e porque ela "quixo cambiar o mundo".

A eses lindes se referiu o reitor da USC, Antonio López, quen se referiu a Concepción Arenal como "a primeira que abriu camiños" para os "dereitos das mulleres e de persoas menos favorecidas da sociedade". Lembrou unhas palabras da homenaxeada sobre que "a posteridade será o único xuíz competente", expresando as súas dúbidas de que estivera de acordo con ter unha estatua, porque "ela dicía que as estatuas tiñan que estar limitadas aos xenios, á santidade e ao heroísmo e ela non se consideraba nin xenio, nin santa, nin heroína".

Finalmente, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, apuntou que personalidades como Concepción Arenal nos fan "sentir aos galegos orgullosos do que somos". Aludiu a ela como unha "muller poderosa dende o punto de vista intelectual" e destacou o seu papel de "vangarda" en "dinámicas nas que hoxe toda a sociedade está involucrada, pero que hai 200 anos eran minoritarias".

Compartir: