CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu tradicional concerto da noite de Reis, baixo a batuta do director Geoffrey Styles

30/12/2019 A Real Filharmonía de Galicia celebra, como cada ano, o seu tradicional concerto da noite de Reis. A cita será o vindeiro domingo, 5 de xaneiro, ás 21:30 horas, no Auditorio de Galicia. A batuta levaraa o mestre Geoffrey Styles, quen xa estivo á fronte da orquestra en ocasións anteriores.

O concerto comezará con An outdoor overture, do estadounidense Aaron Copland (1900-1990), obra composta por encargo do director da Escola de Música de Nova York, quen lle pediu unha obra de ton optimista que fose do gusto dos mozos adolescentes. Con grande éxito, Copland logrou satisfacer o encargo, entregando como resultado unha peza xovial.

A continuación soarán a Suite nº 1 e a Suite nº 2 da obra A variña da mocidade, do británico Edward Elgar (1857-1934). Cando era un neno, Elgar compuxo algunhas cancións para usalas nunha obra de teatro posta en escena polos membros máis novos da súa familia. Tomou nota das cancións nun caderno de debuxo e, catro décadas máis tarde, baseou as dúas suites da obra neses bosquexos.

A orquestra interpretará un fragmento de Billy the Kid, que xira ao redor da figura de Billy o Neno e do afastado Oeste, na que se incorporan cancións populares americanas, e o concerto concluirá co tema principal da obra Rodeo (Hoe-Down), ambas as pezas do compositor Aaron Copland.
Geoffrey Styles, director asociado da Ópera Nacional de Burdeos
O mestre Geoffrey Styles ten experiencia en todos os xéneros, dende o ballet clásico e a ópera ao jazz ou a mestura de estilos; en proxectos tanto educativos como sinfónicos. Na tempada 2018/19 dirixiu concertos de bandas sonoras con Renaud Capuçon e a Orquestra Lamoureux no Olympia de París, realizou unha nova serie de programas familiares e educativos con Alasdair Malloy e a Orquestra de Auvernia, continuando ademais a súa xira coa cantante Jane Birkin.

Recentemente dirixiu numerosos concertos coa Orquestra de Auvernia, Filharmónica de Montecarlo, Orquestra de Cámara de París, Orquestra da Ópera North, Filharmónica de Oxford e Orquestra Achei. Tamén se puxo á fronte da Filharmónica de Estrasburgo, Orquestra Nacional de Francia, Orquestra Nacional de Burdeos Aquitania, Orquestra São Carlos en Lisboa, Orquestra de La Fenice en Venecia…

Mantén unha especial relación coa Orquestra Nacional de Burdeos Aquitania, da que foi director asociado durante máis de dez anos. Comezou a súa carreira carreira musical como Organ Scholar na Abadía de Westminster. Posteriormente estudou música na Universidade de Oxford. Despois de dous anos como repetidor na Ópera Nacional de París, foi convidado por Alain Lombard para unirse ao Gran Teatro de Burdeos como asistente do Coro, posto que ocupou ata 2002. En setembro de 2002 foi nomeado director asociado da Ópera Nacional de Burdeos.

Compartir: