POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

O Auditorio de Galicia acolle mañá a Festa do Apego

27/12/2019 Mañá, 28 de decembro, o Auditorio de Galicia acolle a terceira edición da Festa do Apego. Especialmente dirixida a menores de 0 a 6 anos, inclúe actividades continuadas e simultáneas e propostas relacionadas co xogo, a creatividade manual, a danza e o movemento, a literatura, a música, as artes escénicas e o audiovisual. A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade en cada espazo.

A Festa do Apego é unha excelente alternativa nestas datas de Nadal para que as familias teñan diversas opcións e poidan compartir un tempo e un espazo con outras familias interesadas na crianza en galego. Desde as doce do mediodía, ata as sete e media da tarde, ofértanse máis dunha vintena de actividades localizadas en distintos espazos do auditorio.

Feiriña e espazo de recursos
Situado no vestíbulo, consta de sete postos, nos que os servizos municipais informarán sobre os seus programas relacionados coas idades do Apego (Educación, Centros Socioculturais e Programa Apego). Ademais, catro empresas privadas (Couceiro, Gaia Ecocrianza, Xogos Brazolinda e Escola Semente) presentarán libros, música, xogos e outros materiais e servizos relacionados coa crianza. Este espazo estará aberto de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas.

Na Sala Isaac Díaz Pardo, as familias atoparán outro interesante espazo denominado Alíalí, con Fabaloba. Permanecerá aberto entre as 12:00 e as 14:00 e as 16:30 e as 19:00 horas. Unha oportunidade para saber de libros, música, xogos, xoguetes, aplicacións, materiais... cos que facilitar a crianza e a educación en galego, explicados e presentados de maneira amena para grandes e pequenos para poder, velos, tocalos e experimentar con eles.

Música
A Festa do Apego contará con dúas propostas musicais. Ás 12:30 horas, As parábolas de Pakolas, no que Paco Cerdeira interpreta en directo unha escolla dos seus temas para público infantil, con música rock e outros estilos e con letras axeitadas para estas idades.

E ás 19:30 h. María Fumaça estreará O veleiro verde. Este novo proxecto musical naceu como unha idea de Uxía para agasallar a Ruí, un neno con diversidade funcional que forma parte dos artistas que encherán o escenario e que amosarán como a diferenza, vivida con normalidade, amplía os horizontes e fai o noso mundo máis grande. O espectáculo é tamén para todas as idades.

Teatro
O teatro chega á Festa do Apego da man de Teatro ao Cubo e o seu espectáculo Nube, nube, sol, dirixido a menores de ata 3 anos. A obra, que comeza ás 12:00 h. mergúllanos de cheo na diversión e na aprendizaxe de todo o que a choiva e o sol provocan na nosa contorna, a través do corpo, da xestualidade, do conto e da música.

Ás 17:00 h. Elefante Elegante representará Patapatum para nenos e nenas a partir dos 3 anos, unha reflexión sobre o tempo, a infancia, e como enchemos os baleiros das nosas ausencias. A música, as máscaras e os xestos dos personaxes, sen palabras, crean un universo cómico que viaxa do realismo á hipérbole da nosa vida diaria.

Contos e monicreques
Tampouco podían faltar as sesións de contos e de monicreques: Bichocas, por Atenea García (12:00 h, ata 3 anos); Utopías, tamén con Atenea García (17:00 h, todas as idades); Barquiño de pau, de A Tropa de Trapo (13:00 h, a partir de 3 anos); e O castiñeiro do Apalpador, por Fantoches Baj (18:00 h, a partir de 3 anos).

Obradoiros
Na Festa do Apego tamén podemos atopar distintos obradoiros ao longo da xornada. Ás 16:30 h., Mercedes Prieto ensinará a pais e nais a oír, cantar e moverse coas súas crianzas. E fará un percorrido polas doces melodías que tranquilizan os/as bebés das diferentes culturas (12:00 e 18:00 h). A proposta de Xandobela é distinta, con obradoiros morcego e outro boliche, dous espazos simultáneos nos que traballar coas mans e aprender a construír, con material de refugallo, ferramentas que nos axudan a pasalo ben. Os horarios: De 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas.

Xogos, proxeccións e libros
Haberá un espazo de xogo libre con Miudiño de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. Tamén están programados xogos de mesa con Brazolinda no mesmo horario. Quen opte polo audiovisual, poderá ver proxeccións de diferentes pezas para idades preescolares, e tamén haberá un espazo lector cunha selección de libros infantís para mirar e ler.

Bebeteca
Haberá servizo de bebeteca, con facilidades para aleitar., asear os bebés, e descansar; e un servizo de cafetería na cantina do Auditorio, cun menú adaptado ás familias con crianzas. Cómpre reservar.

Toda a información nas webs apego.gal e delingua.santiagodecompostela.gal.

Compartir: