SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local de Santiago desenvolveu neste mes de decembro o programa "Maiores máis seguros"

27/12/2019 O Departamento de Educación Viaria da Policía Local, en colaboración coa Casa das Asociación de Cornes, desenvolveu ao longo deste mes de decembro o programa "Maiores máis seguros", dirixido nesta ocasión ás persoas de máis de 65 anos que residen no rural.

Nestas datas resulta especialmente perigoso camiñar e conducir polas vías debido ás poucas horas de luz solar e ás malas condicións climatolóxicas e un dos colectivos máis vulnerables é o das persoas maiores. Co obxectivo de aconsellalos, os policías do Departamento de Educación Viaria acudiron aos centros socioculturais de Figueiras, Busto, A Gracia, Enfesta, Villestro e Laraño onde, a través de amenas charlas, transmitiron aos asistentes a necesidade de xogar un papel activo na prevención de accidentes, ben sexa como peóns, ben como condutores.

Os axentes fixeron fincapé na importancia de asumir a perda de condicións cando imos cumprindo anos e, como consecuencia, a necesidade de extremar as precaucións implementando conductas seguras á hora de facer actos tan habituais coma cruzar por unha carretera ou unha vía urbana ou utilizar o transporte público.

Respecto á súa faceta como conductores, aínda que as persoas maiores soen ser moi prudentes, tamén deben ser conscientes das limitacións propias da idade: perda de visión, de oído, disminución de reflexos, etc, polo que mentras sigan conducindo deben facer revisións periódicas, segundo lles aconselleron os axentes. Tamén deben ter en conta que moitos medicamentos son incompatibles coa condución de vehículos polos efectos negativos que producen no corpo, polo que lles recomendaron comprobalo no prospecto do medicamento ou preguntar ao seu médico.

Ao remate das charlas, fíxoselles entrega a todos os asistentes dun chaleco reflector para que sexan perfectamente visibles na vía pública.

Compartir: