TURISMO

Recta final do XII Santiago(é)Tapas e do I Santiago(é)Cóctel

29/11/2019 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, Sara Santos, visitaron este venres o restaurante ACDC, na rúa do Franco, para facer un balance do XII Santiago(é)Tapas e do I Santiago(é)Cóctel, así como para animar a participar nos últimos días destes concursos e na final do certame de tapas prevista para os días 6, 7 e 8 de decembro.

Ambos destacaron a grande acollida destes dous eventos por parte dos/as composteláns/ás e dos/as turistas que nos visitaron nestas dúas semanas, dende o pasado 14 de novembro, malia ao mal tempo que estamos tendo este mes. Ademais, animaron a seguir visitando os máis de 70 locais que están a participar nestes concursos ata este domingo, 1 de decembro, cando remate a primeira fase desta edición.

Na súa visita ao ACDC, estiveron acompañados por representantes dos distintos patrocinadores no concurso: Mahou, Cash Record, Coca Cola, Finca Viñoa, Aceites Abril (o aceite oficial do concurso) e Utimaq. O XII Santiago(é)Tapas é un evento organizado pola Asociación Hostalaría Compostela e promovido por Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña. Tamén colaboraron o festival de cine Cineuropa, a Asociación de Celíacos de Galicia e o movemento Slow Food.

Finalistas
O luns, día 2, daranse a coñecer os dez finalistas que optan aos premios Santiago(é)Tapas 2019, segundo a selección feita polo xurado profesional. Estas dez tapas poderán volver a consumirse na gran final prevista para a ponte do 6, 7 e 8 de decembro. A elección das tapas gañadoras entre as finalistas farase mediante a ponderación da valoración do xurado profesional e a puntuación media obtida dos votos populares. Entre todas as tapas finalistas outorgaranse un primeiro e un segundo premio á tapa creativa, dotados con 1.000 e 500 euros, respectivamente; e un primeiro e un segundo premio á tapa tradicional, tamén con 1.000 e 500 euros.

Por outro lado, todos os establecementos inscritos optarán aos premios do público outorgados a partir das votacións dos consumidores emitidas durante os días de celebración dos concursos Santiago(é)Tapas e Santiago(é)Cóctel do 14 de novembro ao 1 de decembro. Haberá un premio do público á tapa creativa e un premio do público á tapa tradicional, dotados con 700 euros cada un. Tamén haberá un premio maridaxe Mahou, con 500 euros en produto e un showcooking nun evento Mahou. Ademais, premiaranse dous cócteles, un creativo e un clásico, con 500 euros cada un.

Este ano participan 109 tapas e 25 cócteles que poden consultarse na páxina web santiagoetapas.gal e na app Quedamos de Tapas.

O público pode votar polas tapas e cócteles a través dos pousavasos oficiais que se atopan nos locais participantes, depositando o seu voto nas urnas correspondentes. Para percorrer os distintos locais participantes existe un Tapasporte dividido en oito (é)Tapas e unha ruta de cócteles. O locais deben selar o Tapasporte a todos/as os/as clientes que consuman as tapas, podendo así optar a numerosos premios por completar as diferentes (é)tapas. Os galardóns inclúen dende entradas para Cineuropa, viaxes no tren turístico ou vales de compra no Mercado de Abastos, ata ceas para dúas persoas, noites de hotel e un voo en ultralixeiro pola Costa da Morte.

Compartir: