FESTAS

Un Nadal diverso, participativo e cheo de propostas lúdicas

29/11/2019 O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou un avance da programación do Nadal 2019. Será un calendario cheo de actividades para todos os públicos e que arrincará co acto de acendido do alumeado de Nadal o xoves 5 de decembro ás 19:00 horas.

Gonzalo Muíños -acompañado dos responsables da programación no Departamento de Festas, Xesús Amado e Ana Rello- destacou a recuperación deste acto de acendido dun alumeado ao que este ano se destinaron 215.985 euros. Entre os motivos máis rechamantes citou a árbore cónica e o Belén da praza do Obradoiro ou os mantos de leds que iluminarán rúas coma o Franco, a Caldeirería ou o Preguntoiro.

Esa tarde-noite do xoves tamén se inaugurará o Mercado de Nadal de Carreira do Conde, polo que irán rotando diferentes propostas ao longo das semanas. Este ano incrementouse a oferta de lecer e gastronómica, e haberá actividades case a diario.

En canto á programación, o concelleiro realizou un avance das actividades, moitas das cales serán presentadas en roldas de prensa específicas nos vindeiros días. O calendario festivo prestará especial atención aos/ás máis novos/as e as súas familias, pero haberá propostas para todos os públicos e en diversos espazos de música, teatro, danza, xogos...

No eido musical, o concelleiro salientou eventos coma os concertos da Banda Municpal, o Nadal Solidario das Corais de Compostela, o góspel no Auditorio, os concertos de Nadal dos grupos tradicionais de Compostela, un concerto especial co Coro da Ra, Son Elas e a Escola Municipal de Música, o Concurso de Canto Compostela Lírica ou o Mesías participativo que tocará a Real Filharmonía de Galicia no Auditorio.

Tamén haberá moito teatro, sobre todo nos centros socioculturais, onde ademais durante todas estas datas se realizarán obradoiros, contacontos, visitas dos paxes reais, festivais de Nadal…

As familias tamén teñen a alternativa de levar os seus nenos e nenas aos diversos espazos de xogo ou de conciliación, como os do Multiúsos de Sar, o do Palacio de Congresos ou o Programa Municipal de Conciliación de Nadal , que se celebrará nos colexios Monte dos Postes e Ramón Cabanillas, e que ten a súa inscrición aberta.

Os que opten polo deporte poden participar na San Silvestre, no Campus Vero Boquete ou nos torneos de xadrez dos centros socioculturais. E os que prefiran actividades saudables pero algo máis tranquilas, tamén terán as diferentes visitas guiadas e roteiros, como os do programa Pasearte.

Tampouco faltarán propostas que repiten con éxito cada ano, como a Festa do Apego, o Mercado da Estrela, a festa de fin de ano ou a Cabalgata de Reis, que se presentarán nos vindeiros días.

Participación aberta na Cabalgata
O que si quixo adiantar Gonzalo Muíños e que xa está aberta a inscrición para participar na Cabalgata de Reis. Pódese participar de tres maneiras: como voluntario/a nos combos, como paxe real ou no tren que acompañará as carrozas.

No caso dos voluntarios/as, deben inscribirse antes do mércores 18 de decembro no teléfono 604 062 506. A través deste número tamén se pode comunicar o desexo de ser paxe dos Reis Magos, papel que poderán exercer rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos. Entre as solicitudes realizarase un sorteo o 19 de decembro.

Finalmente, hai 120 prazas para ir nos trens que irán na Cabalgata acompañando as carrozas. A participación está aberta a todas as idades, se ben os menores de 12 anos deberán ir acompañados dunha persoa adulta, e os maiores de 12 anos que queiran ir sos poderán facelo cunha autorización. A participación será tamén a través do teléfono 604 062 506 e a selección farase por orde de inscrición.

Compartir: