INNOVACIÓN

A concelleira de Urbanismo explica o proxecto Smartiago no II Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación

28/11/2019 A concelleira de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, explicou, no II Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta, que se celebra ata hoxe na cidade colombiana de Medellín, o proxecto Smartiago. Esta iniciativa, que suma sustentabilidade e innovación, conta con tres liñas estratéxicas: xestión de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria, mobilidade e alumeado ornamental.

O pasado 21 de novembro presentouse a Consulta Preliminar ao Mercado de Smartiago. As empresas teñen ata o 16 de decembro para presentar as súas propostas, que deberán ofrecer solucións innovadoras ás tres liñas estratéxicas. A partir do resultado destas consultas, o Concello contará co coñecemento suficiente sobre as posibilidades tecnolóxicas existentes no mercado cara futuros trámites de Compra Pública de Innovación ou outros procedementos de licitación.

Ademais de presentar o proxecto Smartiago, Mercedes Rosón moderou a mesa redonda "Tendencia 5. A Compra Pública de Innovación (CPI), chega ao ámbito local, novos xogadores máis próximos á cidadanía", na que se presentaron distintas iniciativas que demostraron como a CPI foi apropiada para as entidades territoriais, promovendo, dun xeito máis eficiente, a implementación desta ferramenta a través da identificación de necesidades e a presentación de solucións máis achegadas á cidadanía.

Antes desta mesa redonda, Mercedes Rosón mantivo un encontro con Juan Carlos Abascal, conselleiro da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) e alcalde de Ermua, cidade exemplo de políticas innovadoras, co que falou da implementación da CPI nas administracións locais. Tamén conversou con Elkin Echeverri, director de Planificación y Prospectiva de Ruta N, sobre o traballo que realiza este centro de innovación e sobre o urbanismo social que transformou Medellín nos últimos 15 anos.

O foro remata hoxe cunha xornada na que se estudiarán distintos casos de CPI, e na que intervirán expertos como Teresa Riesgo Alcaide, directora xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; ou Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), coas que se entrevistou Mercedes Rosón, xa que son dúas entidades que colaboran co proxecto Smartiago.

Nesta segunda edición, o Foro aborda as oportunidades para a Compra Pública de Innovación, derivadas das novas tendencias en política de innovación. Reflexiona, ademais, sobre os retos que se expoñen nestes momentos para a implementación da CPI nos territorios, ademais de realizar unha transferencia de capacidades entre España e os países de Latinoamérica coa análise en profundidade de estudos de casos sobre activación exitosa de CPI.

En 2018, Santiago de Compostela acolleu o primeiro Foro, no que se reuniron preto de 200 expertos de administracións públicas, empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento procedentes de Chile, Colombia, Ecuador, España, México, Perú e Uruguai.

Compartir: