TURISMO

Presentación do Grupo das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade en Nova York

31/10/2019 "España é o quinto país que elixen os americanos cando se lles pregunta por cal é o lugar ao que queren viaxar o próximo ano, o que constitúe unha oportunidade para as Cidades Patrimonio", afirmou onte o presidente do Grupo e alcalde de Eivissa, Rafa Ruiz, tras o acto de presentación da oferta turística e cultural dos 15 destinos monumentais de España ante xornalistas e axentes de viaxes de Nova York, no marco da campaña de promoción internacional do Grupo en Estados Unidos.

No ano 2018 visitaron España preto de 3 millóns de turistas estadounidenses, o que representa un aumento do 11,8% respecto ao ano anterior, segundo os datos de Turespaña. O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio engadiu que "se constata un interese crecente do público americano por Europa e máis concretamente polo noso país, que é líder do turismo a nivel mundial. Os americanos séntense atraídos pola oferta artística e cultural do noso país, pola gastronomía e tamén pola calidade de vida, eixos que garanten que a experiencia do turista en España sexa un éxito. Nese sentido, e como embaixadores da marca España, as Cidades Patrimonio temos un nicho de mercado cun alto potencial e por iso estamos a promocionar os 15 destinos como as mellores vacacións para os amantes da historia, os monumentos ou a natureza, pero tamén para os viaxeiros americanos que teñen como principal obxectivo relaxarse e gozar da boa vida en lugares seguros e con encanto".

Na mesma liña, o vicepresidente e alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna, subliñou que o conxunto dos 15 centros históricos declarados Patrimonio Mundial pola UNESCO constitúen unha oferta diferente para o público americano: "Estamos a falar de cidades de película, que de feito foron elixidas como escenario de múltiples rodaxes e mesmo como destino de vacacións dalgúns dos seus principais mandatarios, como algún ex presidente. O obxectivo da nosa campaña promocional consiste en que o público americano identifique o nome das nosas cidades como sinónimo de arte, cultura, calidade de vida e, en definitiva, como unha experiencia singular, onde o viaxeiro sente privilexiado e á vez partícipe de grandes eventos, espectáculos ou celebracións onde se comparten antigas tradicións e tamén o ambiente e a alegría que caracteriza ao noso país".

Na presentación, celebrada no centro cultural español en Manhattan, La Nacional, tamén participaron os conselleiros de Turismo e Cultura. Previamente, a delegación do Grupo tamén mantivera un xantar de traballo co cónsul xeral de España, Rafael Conde.

Tratábase da segunda presentación da viaxe, tras o encontro con axentes de viaxes, operadores turísticos e medios de comunicación de Miami, en colaboración coa Oficina Española de Turismo de Miami e coa American Society of Travel Advisors (ASTA).

Hoxe xoves, Día Mundial das Cidades, celebrarase outra reunión coa embaixadora e representante permanente adxunta de España ante Nacións Unidade, María Bassols, e coa asesora política do Alto Representante da Alianza Civilizacións, Ana Jiménez. Ademais, a delegación do Grupo tamén vai visitar o Instituto Cervantes de Nova York, onde se reunirá co seu director, Richard Bueno.

A axenda en Estados Unidos incluíu a cita co alcalde de Miami, Francis Suárez, e o acordo de aproveitar sinerxias e empezar a traballar para desenvolver plans conxuntos de promoción bidireccional, de forma que as Cidades Patrimonio se promocionen como destinos turísticos en Estados Unidos e, á vez, Miami poida tamén ter visibilidade no amplo mercado potencial que engloban as 15 cidades españolas.

Compartir: