ALCALDÍA

O alcalde agradece a Cruz Vermella o seu "excelente traballo" de apoio ás persoas máis vulnerables na busca de emprego

31/10/2019 Cruz Vermella fixo balance ese xoves dos obxectivos alcanzados entre 2016 e 2019 nos seus proxectos de emprego no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES), que se levan a cabo co financiamento do Goberno de España e do Fondo Social Europeo. A entidade presentou os datos nunha rolda de prensa na que participou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella, José Luis Barreiro Conde; e a súa coordinadora, Rocío Ovalle.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, agradeceu a Cruz Vermella o "seu excelente traballo". Sinalou que non lle sorprende que o perfil maioritario das persoas que participaron nos proxectos de emprego sexan mulleres, mocidade, maiores, e persoas que veñen de fóra, porque "son os colectivos máis vulnerables", e no último dos casos, "non contan con apoio familiar".

O rexedor engadiu que "teoricamente estamos superando a crise", pero dun xeito "moi desigual". Sinala Sánchez Bugallo que unha minoría "está nun escenario moito mellor" que antes; pero hai unha maioría social aínda que non a superou, ou que está nunha situación diferente, "con traballos estables, pero en peores condicións" que hai unha década. O alcalde puxo como exemplo os salarios: "en 2019 o salario real, unha vez deducido o IPC, é un punto inferior ao de 2011. E se miramos o peso do salario no PIB, dámonos conta que non recuperaron o peso que tiñan nos anos oitenta". Explica o rexedor que polo contrario "o peso das rendas de capital é superior ao que tiñan en 1981".

Nese escenario, continua o alcalde, "hai persoas que sufren especialmente". Por iso, continuou, cómpre apostar polo pleno emprego e por un emprego digno, e especialmente "esforzarse cos sectores máis vulnerables", como fai Cruz Vermella. Un traballo que cualificou de excelente, "sendo unha referencia internacional". O alcalde rematou dándolle ánimos a quen o está pasando mal: "afortunadamente na sociedade hai mecanismos e recursos para apoiar a todas aquelas persoas que están en situación de vulnerabilidade".

Apoio a 1.400 persoas
Os resultados da aposta de Cruz Vermella polo emprego en Santiago de Compostela tradúcense en que a entidade apoiou nos últimos catro anos a un total de 1.346 persoas da comarca, das que o 60% atopou un emprego. Ademais, outras 2.000 persoas participaron no seu Espazo de Busca Activa de Emprego.

Malia que as taxas de paro son asimilables ao nivel previo á crise, dende Cruz Vermella indican que o mercado de traballo evolucionou nos últimos catro anos cara unha maior precariedade. A vulnerabilidade fronte ao emprego é xeral, pero aspectos como a orixe, a idade o sexo incrementan as dificultades de acceso a un emprego.

Mellorar a empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral en igualdade de oportunidades son os obxectivos principais destes proxectos a través dos que Cruz Vermella traballa directamente con persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45 años, mulleres moi alonxadas do mercado laboral, mozos/as ou persoas en risco de exclusión social.

Perfís
O perfil maioritario das persoas que participaron nos proxectos de emprego realizados por Cruz Vermella en Santiago de Compostela é o de muller, de nacionalidade española, con baixa ou nula cualificación e en situación de desemprego dende hai tempo.

Outros datos significativos dos perfís das persoas atendidas son:

• O 62% son mulleres e o 38% homes.
• O 60% son de orixe española e o 40% doutros países.
• O 18% son menores de 30 anos, mentres que o 30% son maiores de 45 anos.
• O 40% non ten estudos, mentres que o 28% alcanzou soamente a ESO.

Colaboración empresarial
Estes resultados non terían sido posibles sen a implicación de 258 empresas colaboradoras coas que Cruz Vermella estableceu 841 alianzas de diverso tipo. Algúns dos sectores máis habituais nos que se producen estas colaboracións son os de hostalería, comercio (as dúas áreas económicas non públicas que empregan a máis poboación na comarca), limpeza industrial e loxística e distribución.

Brecha de xénero e vulnerabilidade
A saída da crisis acentuou a brecha de xénero no acceso ao mercado de traballo. Mentres en plena crisis a penas había una diferencia dun 3%, nos últimos anos incrementouse esa desigualdade. Así, os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) en Santiago volven a mostrar que elas experimentan un 35% máis de paro que eles.

Por outra parte, máis da metade das persoas que están en paro en Santiago (51,6%), segundo o IGE, son maiores de 45 anos, unha porcentaxe que se repite entre as persoas en paro de longa duración. Trátase polo tanto dun colectivo moi vulnerable en claro risco de exclusión laboral e social. O motivo principal son os prexuízos e os estereotipos cara este colectivo.

Compartir: