PLENO

A Corporación aproba as ordenanzas fiscais, que buscan impulsar o tecido industrial e o emprego

31/10/2019 A Corporación aprobou este xoves, nunha sesión plenaria extraordinaria, a modificación das ordenanzas fiscais para o exercicio 2020. A proposta recibiu o voto favorable do Grupo de Goberno e de Compostela Aberta, e contou coa abstención de PP e BNG.

A concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, foi a encargada de explicar esta modificación de ordenanzas, na que destaca a bonificación de ata o 95% que se introduce nas ordenanzas reguladoras do IBI, do IAE e do ICIO, para a implantación de novas empresas en Santiago e para a ampliación das existentes.

O período de carencia destas bonificacións no IBI e no IAE será de 3 anos. Pero as bonificacións que se contemplan para as novas empresas dos sectores da biotecnoloxía e da madeira son máis vantaxosas, de xeito que o período de carencia das bonificacións no IBI e no IEAE será de 5 anos. A concelleira explicou que estas bonificacións son consecuencia do compromiso do Goberno municipal coa implantación de novas actividades económicas, en particular dos sectores das biotecnoloxía e da madeira, e das novas tecnoloxías; que xeren emprego indefinido e de calidade.

IBI
No que respecta ao IBI (Imposto de Bens Inmobles), modifícase o tipo de gravame aplicable aos bens de natureza rústica, que pasa do 0,51% actual ao 0,48%, o que representará uns 76.000 euros menos para as arcas municipais. Compensaranse co incremento nos bens de natureza urbana non residencial, que pasa do 0,54% ao 0,55%, o que suporá uns 114.000 euros máis. O obxectivo, segundo explicou Marta Abal, é redistribuír a presión fiscal en beneficio dos inmobles de natureza rústica.

No IBI urbano incorpórase unha bonificación, de ata o 95%, para os inmobles titularidade de corporacións de dereito público nos que se desenvolvan actividades económicas que contribúan á defensa, apoio ou fomento do comercio, da industria, dos servizos e a navegación.

IAE
No IAE (Imposto de Actividades Económicas) modifícase a porcentaxe de bonificacións para impulsar a xeración de emprego indefinido, incrementándoas do 15%, 30% e 45% ata o 20%, 35% e 50% respectivamente. Tamén se introduce unha bonificación nova do 50% para aquelas empresas que, situadas en solo de polígono industrial, empreguen e produzan enerxías renovables e conten cun plan de transporte colectivo e compartido.

ICIO
No ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) increméntanse as porcentaxes das bonificacións para fomentar a construción de vivendas de protección autonómica, que pasan do 30% ao 50%; e as porcentaxes de bonificacións para fomentar o acondicionamento e adaptación das construcións existentes para o acceso e habitabilidade das persoas con discapacidade. Neste caso a porcentaxe actual do 50 por cento pasado ao 75%.

Axustes
As ordenanzas fiscais presentadas tamén propoñen outros axustes das normas de xestión tributaria co obxecto de incrementar a seguridade xurídica e a simplificación administrativa. Por exemplo, en varias ordenanzas, o órgano competente para a concesión dos beneficios fiscais sexa a concellleira delegada de Facenda en lugar da Xunta de Goberno Local. O feito de ter que someter o expediente á decisión dun órgano colexiado como a XGL ocasiona demora na tramitación administrativa e carga adicional no traballo do persoal municipal, co conseguinte prexuízo para a cidadanía. Desta modificación exceptúanse os beneficios fiscais nos que a normativa vixente lle asigna a competencia ao Pleno para a declaración do interese e utilidade. Neste caso corresponderalle ao Pleno a culminación do expediente, coa correspondente concesión ou denegación da bonificación.

Outro exemplo é a ordenanza xeral de xestión, recadación e inspección de tributos. No relativo ás garantías esixidas nas solicitudes de aprazamento e fraccionamento, e para facilitar o pagamento aos contribuíntes que teñen vontade de pago pero atopan dificultades para obter un aval bancario, increméntanse os importes dos tramos de débeda a partires dos cales é necesario presentar garantía e redúcese o número de entidades bancarias de tres a dúas para xustificar a imposibilidade de obter aval. Tamén coa finalidade de axilizar os procesos de xestión recadatoria, increméntase o importe de 300 a 900 euros para a declaración de créditos incobrables sen necesidade de acudir a rexistros públicos.

Na ordenanza reguladora dos bens inmobles, implantarase un sistema de comunicación de alteracións catastrais. Deste xeito, a obriga que tiña o contribuínte de comunicar ao Catastro ditas alteracións desaparece, recaendo agora na administración local. E na ordenanza reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica elimínase na tramitación de beneficios fiscais a esixencia de que os/as interesados/as deben presentar documentos para acreditar datos aos que ten acceso o Concello, e amplíanse as opcións de acreditación da discapacidade en base á regulación autonómica.

Por último, na ordenanza reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (plusvalías), no relativo ás bonificacións por causa de morte, inclúese a referencia aos pactos sucesorios en aplicación da doutrina e xurisprudencia consolidadas, que os cualifica como negocio xurídico mortis causa a título lucrativo.

Asesoría Xurídica
Na sesión tamén se aprobou inicialmente o regulamento de organización e funcionamento da Asesoría Xurídica, cos votos favorables de PSdeG-PSOE e Compostela Aberta e a abstención de PP e BNG.

Compartir: