ACCIÓN CULTURAL

O Auditorio de Galicia acolle esta fin de semana o XIII Certame Galego de Bandas

30/10/2019 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, asistiu hoxe á presentación do XIII Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará o 2 e o 3 de novembro no Auditorio de Galicia. Na súa intervención, Rosón lembrou "aos miles de músicos que forman parte das bandas", unha riqueza, engadiu, para o noso país.

Tamén destacou a concelleira o papel de Santiago como "cidade da música", con exemplos como o do pasado domingo, co concerto das bandas municipais de Padrón, Santa Cruz de Ribadulla, Teo e Santiago. Mercedes Rosón rematou sinalando o orgullo que representa para Compostela acoller o XIII Certame Galego de Bandas de Música. Unha cita anual, engadiu, que contribúe a "enriquecer o nosa música, e a difundir e pór en valor a contribución que desde hai máis de cen anos realizan as bandas, tanto ás nosas tradicións e festas, como ao noso patrimonio inmaterial".

A Federación Galega de Bandas de Música Populares, organizadora do certame, dividiu as actuacións en distintas seccións. Na sección infantil actuarán a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, a Banda Escola de Música de Vilaboa e a Banda de Música Santágeda. Na sección xuvenil, a Banda Escola Unión Musical de Tenorio, a Orquestra Juvenil da Banda de Riba de Ave, o grupo xuvenil da Banda Municipal de Celanova, e a Escola Banda de Música de Antas de Ulla.

Na sección terceira están integradas a Banda de Música Vila de Cedeira, a Banda de Música dos Bombeiros Voluntarios de Póvoa de Lanhoso, a Banda de Música Maestro Lupi, a Agrupación Musical de Goián e a Agrupación Musical de Belesar. E na sección segunda, é o turno da Lira de Ribadavia, a Banda de Música Popular de Rubiós, a Sociedade Filarmónica de Crestuma e a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis. Na sección primeira actuarán a Orquestra de Sopros da Academia de Artes de Chaves, a Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Sons e Soño, a Banda de Música de Vilatuxe e a Escola de Música de Rianxo.

As bandas interpretarán un pasodobre de presentación e, xa en concurso, unha obra de libre de elección e outra de autoría galega proposta pola organización.

Compartir: