ALCALDÍA

O Goberno local quere tramitar en 2020 a construción dunhas 200 vivendas protexidas

30/10/2019 O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, demandoulle este martes á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, a colaboración da Xunta para "retomar a política de vivenda de protección oficial e de promoción pública" en Santiago de Compostela. Concello e Administración autonómica tamén cooperarán para desenvolver o solo industrial da Sionlla.

Tras unha xuntanza marcada polo "clima de colaboración e de lealdade institucional" e na que tamén participou a concelleira de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, Sánchez Bugallo, reiterou a intención do Goberno local de mobilizar as reservas de solo que dispón o Concello para vivendas de protección autonómica e promoción pública. "Queremos sacar cando menos 200 vivendas protexidas para o ano que vén", explicou. A estas sumaríanse outras 84 vivendas en tramitación por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) nos ámbitos do Castiñeiriño e de Xoán XXIII.

O Concello, segundo apuntou, ten parcelas dispoñibles en solos xa urbanizados como os números 5, 12, 13, 14 ou 22, e indicou que hai demanda de cooperativas para desenvolver algúns deles.

Lembrou o alcalde que "Santiago foi referencia en política de vivenda durante moitos anos, e grazas a promocións propias e a través de convenios co IGVS, entre 1999-2011 promovéronse 13 polígonos con 4.200 vivendas. Poucas cidades en España e ningunha do noso tamaño pode presumir desas magnitudes". Afirmou que, no momento actual, a creación de vivenda "seguramente terá que ter un ritmo mais pausado, pero cos problemas que estamos vendo con vivenda turística, é necesario promover unha oferta de vivenda asequible para persoas traballadoras".

Na existencia de demanda de vivenda protexida coincidiu tamén Ánxeles Vázquez. Neste sentido, lembrou que o un primeiro paso son os 700.000 euros consignados nos orzamentos autonómicos para o próximo exercicio para a construción de 24 vivendas no ámbito da estrada da Estrada. O obxectivo é que esta obra se poida licitar no primeiro trimestre de 2020.

Preguntada a conselleira sobre a parcela de Xoán XXIII e o tipo de vivenda á que se destinará, explicou que, en colaboración co Concello, se "vai valorar técnica e xuridicamente" a solución final, despois duns anos de parálise. "Hai vontade e agardemos que coincidencia", dixo, agardando que "antes do 2021 ese tema o teremos encamiñado.

En calquera caso, a titular de Vivenda, fixou como obxectivo marcar unha "cronoloxía" en canto a "políticas activas de promoción pública" para Santiago que poida quedar reflectida nos vindeiros orzamentos autonómicos. Tamén se comprometeu a traballar en colaboración co Concello na aplicación da lexislación autonómica para por vivenda baleira no mercado de aluguer e compra.

Solo industrial da Sionlla
Outra das cuestións tratadas na xuntanza foi o do solo industrial. Segundo explicou o alcalde, "dispoñemos dun gran parque empresarial na Sionlla, con máis de 30 empresas instaladas e outra ducia tramitando a súa implantación. Isto xera demandas e necesidades, tamén vinculadas ao desenvolvemento do hub biotecnolóxico e da madeira". Por iso, demandou a Consellería a colaboración para "facer viable" este solo, con medidas como o acondicionamento do polígono ou a mellora dos servizos básicos".

Sobre esta cuestión, Ánxeles Vázquez indicou que se segue avanzando na posta a disposición de solo e en converter este polígono nun "referente no ámbito tecnolóxico", tendendo a man "a promotores e á USC para que sexa unha realidade".

Depuradora
Se ben non foi un tema específico tratado na reunión, o alcalde anunciou que o vindeiro 5 de novembro está prevista en Madrid unha xuntanza na que as nove empresas que participan no procedemento de diálogo competitivo para a construción da nova depuradora da Silvouta presentarán os seus proxectos técnicos. Antes de final de ano deberanse preseleccionar catro empresas, que terán seis meses para presentar o proxecto técnico.

O alcalde reiterou o interese municipal en que a opción finalmente elixida se poida acoller ao procedemento simplificado de tramitación ambiental, co fin de "non perder os fondos europeos e non retrasar a obra". Deste xeito, o obxectivo sería licitar e comezar as obras en 2021.

Compartir: