MEDIO AMBIENTE

O departamento de Medio Ambiente premiará os cidadáns que utilicen o contedor amarelo

03/02/2005 Un sorteo, organizado co fin de mellorar o uso do colector amarelo, impulsa a formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno.

O Concello de Santiago, a través do departamento de Medio Ambiente, vén de convocar un sorteo de premios que se enmarca dentro da campaña informativa sobre o uso correcto do colector de envases de plástico, latas e briks. Este sorteo, dirixido a todos os composteláns, ten por obxectivo mellorar o uso do colector amarelo, co fin de favorecer a formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e sentar as bases para o desenvolvemento sostíbel.

O sorteo efectuarase escollendo ao azar bolsas do colector amarelo que indiquen no exterior o nome, o enderezo e o teléfono do cidadán que as depositou. Para poder participar, é preciso saber utilizar correctamente o colector destinado á recollida de envases de plástico, latas e briks, posto que as bolsas que non conteñan este tipo de envases non entrarán no sorteo.

Nas bases deste sorteo sinálase que só serán válidas as bolsas depositadas entre o 15 de febreiro e o15 de marzo. Os premios consistirán en bonos de fin de semana para dúas persoas nunha casa de turismo rural en Galicia, que inclúen dúas noites de aloxamento nun cuarto duplo, almorzo e impostos. Estes bonos poderán ser empregados entre o 28 de marzo e o 31 de outubro de 2005.

Compartir: