XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a convocatoria 2019-2020 das residencias de creación artística

30/09/2019 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou o texto da convocatoria de residencias de creación artística e estadías técnicas para proxectos de artes escénicas para o curso 2019-2020, que volverán ter como sede a Sala Agustín Magán, no Centro Sociocultural de Santa Marta.

A primeira tenente de alcalde, Mercedes Rosón, encargada hoxe de dar conta dos asuntos da Xunta de Goberno, explicou que a convocatoria deste curso volverá a ter como sede a Sala Agustín Magán, no CSC de Santa Marta, pero que a intención do Goberno municipal é estendelas ao Centro Sociocultural do Romaño, unha vez que se dote á mesma dos elementos técnicos necesarios. Ademais, indicou que, no caso de Santa Marta, se vai intentar compatibilizar estas residencias coas necesidades veciñais para o centro sociocultural.

Sentenzas
Outro dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno foi a execución da sentenza relativa á indemnización á empresa Doal en relación ao contrato de xestión do servizo da ORA e do guindastre. Deste xeito, aboarase á devandita empresa a cantidade de 620.019,36 euros en concepto de indemnización substitutoria, pola imposibilidade material de executar a sentenza, cos intereses legais correspondentes. Fora noutra Xunta de Goberno, no mes de xullo, cando se acordara polo Goberno non recorrer a sentenza do Xulgado do Contencioso.

Tamén en materia xudicial acordouse executar outra sentenza, neste caso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, indemnizado á empresa Unika Proyecos y Obras SAU polo importe total de 7.297,42 euros. Trátase da empresa á que se lle adxudicara no seu día a rehabilitación do Palacio do Espiño.

Compartir: