ALCALDÍA

Sánchez Bugallo participou na xornada "Transición enerxética nas cidades"

27/09/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou no Hotel Hesperia Peregrino na xornada "A transición enerxética nas cidades", organizada pola Asociación Nacional de Produtores de Enerxía Fotovoltaica (Anpier) e a Fundación Renovables, xunto cos rexedores de Lugo, Pontevedra e Ferrol.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo expresou o seu compromiso coas enerxías renovables e coa eficiencia enerxética, se ben recoñeceu que é unha "asignatura pendente", sobre a que "non se avanzou o suficiente nos últimos anos". Atribuíu ese retraso ás dificultades normativas e ás complicacións que presenta para ámbitos como o casco histórico, con diversas limitacións patrimoniais.

No encontro tamén se abordaron os retos da mobilidade. Nese campo, o alcalde aposta por promover o transporte colectivo e público, adecuando o transporte metropolitano á demanda real, en referencia a cantidade de persoas que cada día veñen a traballar e estudar a Santiago. No eido do control dos fluxos de turistas e excursionistas, Sánchez Bugallo reiterou a súa preferencia por habilitar estacionamentos periféricos.

Mesas redondas
A xornada constou de dúas mesas redondas abertas ao público, nas que se debateu sobre os novos modelos de cidade máis sostibles, dende a perspectiva da participación cidadá na enerxía, os cambios de modelo de mobilidade e a integración da sustentabilidade ambiental en todos os ámbitos da regulación municipal.

Por outra parte, abordouse a situación do marco regulatorio actual do sector produtor renovable, así como as incertezas en canto á actualización da retribución para os seguintes períodos regulatorios e o acceso do cidadán á xeración fotovoltaica.

Ademais dos rexedores de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; Lugo, Lara Méndez; Pontevedra; Miguel Anxo Fernández Lores; e Ferrol, Ángel Mato; participaron na xornada o director do IDAE, Joan Groizard; o presidente da Fundación Renovables, Fernando Ferrando; o divulgador ambiental Oriol Sarmiento, decano do Colexio de Enxeñeiros de Galicia; o vicepresidente da Fundación Renovables e secretario de Anpier, Juan Castro-Gil; e o presidente de Anpier, Miguel Ángel Martínez-Aroca.

Compartir: