ACCIÓN CULTURAL

O espectáculo "Oyun", da compañía El Fedito, pecha este xoves o ciclo de circo na praza da Quintana

28/08/2019 A compañía El Fedito, do arxentino Federico Menini, trae a Compostela o seu espectáculo de circo Oyun. Será este xoves, ás 19:30 horas, na Quintana. Este evento, con entrada aberta e para todos os públicos, pecha o ciclo de circo que se desenvolveu na praza durante este verán.

Quen ou que é a escultura? O malabarista ou o artefacto creado? Que é a estabilidade? Cal é o límite? Estas preguntas conducen á procura do máis difícil aínda, do equilibrio perfecto cara a arquitectura dos malabares, a harmonía entre todos os elementos: potas, culleres, cordas, pelotas.

En Oyun (do turco xogo) todo xira arredor das olas e outros elementos de diario para construír un artefacto en equilibrio. O malabarista vai creando o espazo, debuxando o aire e, sobre todo, xogando e desafiando á gravidade.

Este espectáculo, recomendado pola Red Española de Teatros y Auditorios, xirou por multitude de escenarios en diversos países da man do seu creador e protagonista, Federico Menini, quen provén do mundo da arquitectura e da arte, disciplinas que estudou durante varios anos en diversas universidades. O espectáculo obtivo numerosos premios, entre eles o 2º Premio Circasa Off 2018 (Sevilla) e os premios dos festivais Circarte (Alicante), Kaldearte (Vitoria), Circaire (Mallorca), Nosolocirco (Cáceres) e Jaén Paraíso Interior.

Compartir: