ALCALDÍA

Cedido ao Concello un retrato do ex alcalde republicano Francisco Javier Vázquez Enríquez

27/08/2019 O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto de formalización da cesión dun retrato de Francisco Javier Vázquez Enríquez, alcalde de Santiago entre novembro de 1934 e febreiro de 1936, realizado por Elvira Santiso. Asinaron o documento de cesión o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a neta do ex rexedor, María Concepción Vázquez de Benito.

O cadro cedido é un retrato de busto, no que Francisco Javier Vázquez Enríquez aparece sobre un fonde neutro, lixeiramente iluminado na parte posterior. A autora, Elvira Santiso, realizou o óleo a partir dunha fotografía datada en 1935.

Deste xeito, tal como sinalou o alcalde, o Concello xa conta con retratos de dous dos tres rexedores que tivo Santiago durante a Segunda República: Francisco Javier Vázquez Enríquez, entre o 17 de novembro de 1934 e o 23 de febreiro de 1936, e Ánxel Casal, dende esta última data ata o seu asasinato. Faltaría o retrato de Raimundo López Pol, alcalde entre o 19 de abril de 1931 e o 17 de novembro de 1934, razón pola que Sánchez Bugallo se porá en contacto coa súa familia a fin de realizar o cadro.

Compartir: