CONSORCIO

O Consorcio concede 27 axudas para a rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas en inmobles da cidade histórica

31/07/2019 O Consorcio de Santiago acaba de resolver a convocatoria de axudas dirixidas á rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Con esta iniciativa búscase mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico.

Das 34 solicitudes presentadas nesta convocatoria, aprobáronse 27, cun investimento total de 325.435,96 €, dos que o organismo vai financiar 124.394,67 €. En particular, subvenciónanse as actuacións de restauración de carpinterías nun 50%, as de substitución de carpinterías nun 40% e o 30% da restauración das reixas; todo isto sobre un presuposto calculado en base a uns módulos.

Estas axudas están destinadas a fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados.

As axudas inclúen asistencia técnica
Estas axudas inclúen tamén a asistencia técnica en todo o proceso. Así, pódese solicitar que os técnicos do Consorcio elaboren a documentación técnica necesaria para a realización das obras de pequena entidade, ao tempo que se encargan da dirección das mesmas e da coordinación de seguridade e saúde.

Compartir: