CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os nenos e nenas dos campamentos do rural realizaron actividades de sensibilización sobre a igualdade no Obradoiro

31/07/2019 O concelleiro de Centros Socioculturais, José Javier Fernández visitou este martes os nenos e nenas participantes nas actividades de verán dos centros socioculturais do rural, que realizaron unha saída á cidade na que visitaron o Obradoiro. Na praza realizaron diversos xogos e actividades de sensibilización sobre a igualdade, implicando á cidadanía que ata alí se achegaba.

Os nenos e nenas repartiron decálogos para unha educación en igualdade e realizaron diversas dinámicas e xogos interaccionando coa veciñanza e visitantes que estaban na praza. Ao rematar, a rapazada trasladouse á Alameda, onde continuaron a xornada cunha actividade de probas e retos divertidos.

Neste programa de verán participaron durante o mes de xullo un total de 116 nenos e nenas das parroquias de Compostela, repartidos en catro centros socioculturais do rural: A Gracia, Figueiras, Marrozos e Nemenzo. Este ano o proxecto levou por título "Nomes diferentes, oportunidades iguais" e tivo como obxectivos básicos favorecer a promoción da igualdade entre nenas e nenos e engadir a perspectiva de xénero de maneira transversal en todas as actividades.

Durante todo o mes, as actividades xiraron en torno a tres eixes centrais. Por unha banda, a linguaxe inclusiva, medios de comunicación e publicidade; por outra, traballouse ao redor do xénero e da corresponsabilidade e, finalmente, sobre violencia de xénero e igualdade de oportunidades.

A programación integrou actividades, xogos e obradoiros nos que os nenos e as nenas gozaron a través da exploración da coeducación, desenvolvendo actividades deportivas e psicomotoras, lingüísticas, manipulativas e de artes plásticas, técnicas de refugallo, musicais…

O programa de verán nos centros socioculturais do rural pecha na mañá deste mércores as súas actividades cunha festa de convivencia nos seus centros de referencia, aberta ás familias dos nenos e nenas participantes.

Compartir: